¡ARRE HO! | O |
09 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SILVIO Berlusconi, ese experto en buscar excepcións que confirmen a regra de que ante a xustiza todos somos iguais, debería botarlle unha man ó fillo do seu amigo da alma, José María Aznar. A Júnior retiráronlle o outro día o carné en Italia por rebasar o límite de velocidade no seu Porsche. A inxustiza é palmaria: ¿como pode estar limitada a noventa unha autoestrada na que deixan entrar a todo un deportivo coma ese? ¡Se a 150 xa parece que vas freando! Coma se o de ter un coche así non fose bastante padecemento... Os que manexamos utilitarios máis modestos -acordes co noso peso como persoas no orbe cristiano, por outra parte- nunca baixamos dos 250 euros cada vez que visitamos o taller, e trinamos polo caros que van os recambios. Pois imaxínense o que paga Júnior cada vez que cambia aceite e filtro. Ademáis, para os Porsche non creo que vendan esas socorridas rodas de fabricación coreana que van deixando o rastro negro das rodadas polas curvas de Cerponzóns, e por moita segunda marca que lle metas acabas por afrouxar un pico. Súmese todo ese gasto ó que lle debe custar ó rapaz viaxar mes sí e mes non de Nova York, onde traballa no mundo das finanzas, a Milán e despois a Madrid. Unha ruina. ¡Pobre neno pijo!