¡ARRE HO! | O |
05 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.OS QUE pasamos media vida nas estradas -eu vivo bastante lonxe de onde traballo, e cada día pégome un bo atracón de quilómetros- padecemos con desacougo total a chegada do mes de xullo. Non é que por aí haxa máis tráfico; ó fin e ó cabo hai tantos coches xa que uns poucos milleiros máis metidos de canto non se notan. Simplemente é que co calor multiplícanse varias clases de conductor que deben terse en conta, se un quere manterse mentalmente sano. Centrémonos nun, no máis abondoso, ese turista que vén a Galicia en busca de paz, de tranquilidade, e, naturalmente, acaba por pensar que nesta parte do mundo toda a xente anda a outro ritmo, con máis calma, recitando soñadores versos de Rosalía e embebido nos vapores das gaitas e do augardente de herbas. Caracterízase este tipo de conductor por ir a trinta na recta máis longa, co cristal baixado e tamborileando coa man sobre a chapa do automóbil, observando sen parar nos miradoiros as bonitas vistas sobre a ría que hai desde Raxó, poñamos por caso. A contemplación da illa de Tambo impídelle, para a súa fortuna, ver a cara descomposta dos propietarios dos vintesete coches e furgonetas que veñen detrás. Unha variación é a do tipo que consulta o mapa, conduce, berra ós cativos, acaricia o can e cambia de emisora á vez. Habitualmente, ademáis, ten a capacidade de sacar pola ventá o dedo corazón cando escoita as bocinas dos coches que o seguen, algúns cheos de humildes currantes que non teñen tanta sorte coma el, e van a Sanxenxo para traballar, e non para torrarse.