Crónica | As peque-actividades de Rexurdir Ata o 11 de xullo están a celebrarse no pavillón do colexio O Sequelo xogos e divertimentos para que os nosos pequenos pasen o verán entre amigos
02 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Estaban a facer lapiseiros con rolos de papel hixiénico. Logo poñíanlle unha base de cartón, adornábanos cunha «capucha de estrela» e pintábanos de cores. «A diversión non custa cartos», di Agustina Portabales, unha das monitoras, e semella tamén a mensaxe que quere transmitirlles ás corenta nenas e nenos que se apuntaron ás actividades de lecer da asociación Rexurdir, en Marín. Eran catro as monitoras de tempo libre que se encargaban dos pequenos, con cadansúa axudante en prácticas. Resultaban a penas cinco rapaces para cada unha e aínda así non foron quen de evitar que uns poucos se escabulisen para xogar ó balón. A gardamallas non cubre en altura nin a metade da portería de fútbol sala; os goleadores son aínda algo máis baixiños. Ningún supera os nove anos de idade. As actividades comezaron o luns e durarán ata o venres día 11. Polo de agora están no pavillón do Sequelo, amplo, de chan verde, de seguro demasiado caluroso se o tempo non estivese tan tolo; un pouco escuro. Aínda que non é importante, os nenos a todo se afan. As monitoras teñen pensadas unha chea de saídas e diversións, para cando a portería do pavillón xa non entreteña ós máis inquedos. Hoxe, por exemplo, van visitar a escola naval de Marín, un deses lugares que tes tan preto que ás veces non o chegas a coñecer. O luns irán á praia de Portocelo, o martes quizais xoguen na Pradeira. Son cuestións que virán determinadas pola meteoroloxía. Se non, sempre haberá globoflexia (arte de facer leóns co aire), ou olimpiadas de xogos tradicionais, para que o futuro se impregne de pasado, de naturalidade, coas chapas, os bolos, a pesca nunha tina, saltando á liga, á corda, ou turrando no tiraxoga. Os rapaces gozan con actividades sinxelas. Unha das monitoras, Agustina Portabales, está incluso a pensar en repetir xogos que tiveron tremendo éxito entre os cativos como foi o de pintar sal con cores e gardala nunha botella de cristal. «Os nenos marchan encantados co seu bote de sal, é barato, sinxelo e moi fermoso». A asociación Rexurdir ten preparado xa outro ciclo de actividades para comezos de agosto, este para rapazas e rapaces de 9 a 14 anos de idade. Con eles pretende entreter os nenos e, sobre todo, que medren de modo saudable.