Praza da Ferrería A carpa de Burla Negra pecha hoxe despois de catro días de música e teatro para recordar a vixencia das protestas pola catástrofe do petroleiro «Prestige»
28 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Subiu a marea, a negra, e chegou á Xunqueira do Lérez. A carpa voluntaria do colectivo Burla Negra, integrado na plataforma cidadá Nunca Máis, pregarase hoxe despois de catro días en Pontevedra, un tempo no que a música, o teatro e a palabra serviron de estratexia pirata para asaltar o buque das versións oficiais e do esquecemento prematuro. En media semana, todo un ronsel de artistas galegos pasaron polo escenario deste circo reivindicativo que tenta mostrar a Galicia do outro lado do espello. A carpa foi viaxando e montándose durante todo o mes en varios concellos da costa galega. A Ponte do Burgo en Culleredo, o faro de Punta Ínsua en Carnota e finalmente Pontevedra serviron de punto de atraque para a iniciativa, que pretende manter viva a chama da mobilización posterior á marea negra que produciu o afundimento do Prestige. E, tamén, para recordar que, máis de medio ano despois do accidente, ninguén se fixo responsable da catástrofe. A Banda Melghache O venres foi o día do rock. A Banda Melghache, capitaneada por Pepa Yáñez e polo cantante de Zënzar, Bocixa, deu unha lección acelerada de historia do rock en galego, dos Resentidos a Fame Neghra, de Xenreira ós Rastreros, os Skornabois e os Yellow Pixoliñas. Co escritor Xurxo Souto como mestre de cerimonias e as colaboracións de Toñito de Poi, Ugía Pedreira e un animadísimo Antón Reixa -foi impagable a repesca das súas míticas cancións Sector Naval e Galicia Canibal, fin de festa resentido-, os Melghache centraron para que despois rematasen de cabeza os renovados Diplomáticos de Monte Alto. A festa durou ata a baixamar. Onte tocoulle ó teatro. Despois dunha xornada de animación nas rúas e da presentación do libro colectivo Prestige: a catástrofe que despertou Galiza, a carpa convertiuse en cabaré autóctono. Grupos veteranos coma Chévere, Berrobambán, Tanxarina ou os Magical Brothers de Luís Tosar e actores e contacontos como Patricia Vázquez, Carlos Santiago ou Paula Carballeira puxeron a chispa e aguzaron o aguillón no circo do País de nunca máis. Unha feira reivindicativa As actividades rematan hoxe con xogos para nenos e unha feira con casetas, postos de tiro e barracas reivindicativas. Das doce do mediodía ás tres da tarde, e das cinco ás oito e media, estará aberta a carpa, repartindo antídotos contra a mala memoria á beira do río que veu nacer a Benito Soto, o patrón do barco pirata A Burla Negra.