¡ARRE HO! | O |
27 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ALGÚNS malpensados, e perdoen que lles fale outra vez de fútbol, cremos que ó adestrador do Real Madrid o botaron por feo. E por moi antimerengue que un sexa, non se pode deixar de sentir certa simpatía por quen sofre -aínda que coa chequeira bastante mellor surtida- o apartheid do novo milenio. Se non tes unha cara guapa, adeus, forasteiro. En Lugo organizan este ano o día do orgullo gordo, e algo quererá dicir. Sirva para probar o razonamento unha comprobación empírica. A escena que segue é verídica, e transcorre nunha área de servicio da autopista que une Pontevedra con Compostela. Na cafetería irrompen ducias e ducias de turistas portugueses entrados en anos, abanicándose e pedindo augas minerais, pingos, canecas, sumos e demáis refrixerios para espantar o calor húmido deste recanto atlántico. Tres deles -dous señores con gorra de viseira e unha muller con gafas de aviador- visten camisetas do Real Madrid. Naturalmente, todas levan gravado o número 10, o do seu compatriota Figo. Nun momento dado, mentres o grupo repón forzas e comenta a súa excursión pola capital de Galicia, alguén repara nunha pila de xornais deportivos que se venden á entrada da cafetería. Na portada dunha das publicacións aparece o novo entrenador do Madrid, Carlos Queiroz. Multiplícanse as consultas en voz baixa: ¿quen demos será este ghicho? Algúns coñéceno: foi seleccionador de Portugal. Outros aplauden: «O Real é a equipa máis portuguesa», sentencia un dos homes embutidos na zamarra merengue. Outros discuten, falan de catrocatrodouses, desmarques, aperturas á banda e demáis lugares comúns. Pero só a muller coa camiseta de Figo dá no cravo cando toma a palabra e solta: «É muito formoso». Esa é unha fichaxe.