¡ARRE HO! | O |
23 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CADA un fai o que pode para non ser un dos 7.500 pontevedreses que padecen depresión, a enfermidade do mundo moderno. Servidor mantén a couto as súas ansiedades escoitando de vez en cando concertos de rock, provocando o regocixo de boa parte dos seus amigos, para os que iso da guitarrona é pouco máis que unha reliquia do tempo dos petroglifos de Mogor. O sábado, en Bilbao, Los Deltonos amañáronme a semana. Cheguei tarde: antes tiven que ver en Barakaldo un partido do Pontevedra, volver a Bilbao no métro supersónico que se construíron nos últimos anos, teclear a toda mecha a crónica para que entrase na edición do domingo, deglutir unha ensalada mentres esperaba a confirmación de que o texto chegara á central e atopar a sala Azkena, na que tocaban. Cando cheguei, Los Deltonos levaban case unha hora de concerto. E deixáronme entrar de balde. Mereceu a pena: entre bises, regalos, peticións e demáis -«si queréis más, sólo tenéis que pedirlo», dicía Hendrik Roever, o compositor do grupo, todo un nórdico de Santander-, o concerto estirouse aínda unha hora máis. Fixeron versións, repasaron cancións dos catro discos que levan editados, Roever retorceu a guitarra canto quixo e tocou canto lle pediron. Pararon só cando o público, cocido de calor e cervexa, deixou de pedir máis. Compreilles unha camiseta e o seu último disco, Sólido, gravado sete anos despois do anterior. Auténticos currantes do rock, a súa carreira estrelouse contra o poder das discográficas. Pero o que representa a Cantabria é Bustamante. Los Deltonos, cura para a depresión: «Sube la música más, ¿o quieres oír las culpas que arrastras?»