Urxencias históricas

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

16 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DI BERNARDO Atxaga, coma sempre con moi bo tino, que «só unha sociedade que ten médicos de garda os domingos pode preocuparse por salvar a súa lingua». A frase pode facerse extensible a Galicia. Conta Arsenio Iglesias en El fútbol de El Brujo, de Xosé Hermida: «Aínda agora, cando vexo unha película que está feita en Hollywood nos anos corenta e vexo todas as cousas que mostra, pregúntome: ¿pero é posible que xa existise todo iso naquel tempo? Parece incrible que en América houbese todas esas cousas coas tremendas necesidades que pasabamos en Arteixo». Visto como está o asunto noutras partes do mundo, parte dos que vivimos no hemisferio occidental deberiamos darnos cun canto nos dentes: non só temos superado as carencias máis perentorias, senón que, entre a nosa propia frivolidade e o reblandecemento de cerebro que padecemos pola sobreexposición ás ondas catódicas, a capacidade que tempos para trabucar os problemas fíxose enorme. Como o do paro, o da lingua e ata o do médico de garda parecen asuntos resoltos -é o que din na televisión, ¿non?-, os netos daqueles galegos que non hai tanto pelexaban por comer quente sofren agora polos atascos na ponte da Barca, a zanxa esa que o Concello non remata ou a insultante supresión da raíña das festas, e sitúan no casilleiro das urxencias históricas cousas como que nos constrúan un campo de fútbol para medio enchelo dúas veces ó mes. Mentres, en África quedan pampos porque Occidente non lles deixa comprar a baixo custe os medicamentos que remedian catorce das vinte enfermidades que máis mortes causan ó final do ano. Coma para facerse filólogo do suahili.