A sección aurea

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

15 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI unha serie de números -1, 1, 2, 3, 5, 8, 13, 21, 34, 55...- na que cada unha das cifras é a suma das dúas que van antes dela. Ademáis, se se divide un destes números entre o seguinte -1/2, 2/3, 3/5...-, o resultado vaise acercando a 0,618. A ese número chámanlle desde hai séculos a sección áurea, e é o ideal de proporción que buscan os artistas para a súa obra porque o consideran o máis perfecto. Isto, que a miña profesora de arte xamáis conseguiu facerme entender -probablemente porque ela tampouco o entendía-, explícao de marabilla, outra vez, o neurólogo Oliver Sacks no libro de memorias El tío Tungsteno, poñendo como exemplo a espiral central dun xirasol, na que os graos se distribúen seguindo esa serie de cifras. Pois ben, o 0,618 na política municipal, a proporción áurea, vén sendo o alcalde da Coruña, Paco Vázquez. Todos os candidatos, os de Pontevedra tamén, aspiran a parecerse a el na súa identificación total -mellor dito case total- coa cidade que goberna e o seu manexo descarado do localismo máis montaraz. Claro que habería que saber se o cruce dun Vázquez vigués seguido dun Vázquez pontevedrés seguido dun Vazquez ourensán, etcétera, dá realmente un resultado tan perfecto, ou se simplemente queda niso, nunha espiral.