? propósito da xira que trouxo onte a Claudio Rodrigo a Pontevedra é «establecer contactos cos grupos de amigos do MST que temos en Europa, xa que é un momento importante para divulgar a loita pola terra que está tendo lugar en Brasil e para coñecer outros grupos de excluídos tamén aquí, en Europa, como poden ser os parados ou os inmigrantes». -¿Que é o Movemento dos Sen Terra brasileiros? -É un movemento dos campesiños pobres que se organizaron para esixir ó goberno o cumprimento da lei que determina que as terras que non son productivas sexan expropiadas para o asentamento de familias e traballadores sen terras. É unha loita social que move a doce millóns de persoas. -¿Cal é a situación actual do Brasil co goberno de Lula? -Con Lula, a esperanza venceu o medo. A sociedade brasileira non aguantaba máis a política neoliberal. Depositamos as nosas esperanzas na mudanza do goberno, pero é preciso mobilizármonos para fortalecelo y darlle coraxe para enfrontarse ós grandes grupos e á presión dos Estados Unidos. É cedo para criticar a Lula, pois aínda hai pouco se cumpriron os cen días do seu mandato. -¿Como é a vosa forma de loita? -A nosa principal forma de loita é o acampamento. Constituimos pequenas cidades con tendas e, a partir de aí, discutimos en cada asentamento outras tácticas de mobilización. Un sen terra só non incomoda a ninguén, pero o reunírmonos en campamentos atrae a mirada das xentes. Nos asentamentos organizamos a educación dos nenos, a sanidade... Tamén ocupamos latifundios e espacios públicos, e organizamos marchas. Cando ocupamos un latifundio, atacamos directamente a raíz do problema dos sen terra. -A ocupación de latifundios enfróntaos directamente coas elites do poder... -E trae problemas. En toda a historia do MST sempre a resposta a estas mobilizacións foi moi dura. En vinte anos de movemento case que 1.500 agricultores foron asasinados e só seis persoas foron xulgadas. Esta impunidade é debida a que os tribunais locais son moito máis susceptibles ás presións dos poderosos.