NA ÚLTIMA | O |
25 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA especie de paxaro descubriulle a trampa ó cuco. Dende que se ten constancia, éste último emprega os niños alleos para depositar os seus ovos e aforrar así o esforzo de criar ós cativos. Ás veces, os forzados pais adoptivos acaban derreando para darlle de comer a unhas crías que chegan a duplicarlle o tamaño. O chochín, un paxaro australiano, farto de que os cucos acabaran coa súa especie, desenvolveu un mecanismo para identificar ó intruso dentro do niño. Pese a que o chochín non recoñece os ovos que lle deixa o cuco na casa aproveitando un descuido, si que se percata logo da presencia forasteira do cativo, unha vez que éste está fora do cascarón. Parece ser que tiveron que pasar miles de anos de evolución para que o paxaro australiano de plumas azuis atopara o mecanismo de defensa contra os infiltrados. A estratexia do cuco está moi extendida. Sempre hai individuos que se colan en casas decentes para reventalas, como sucedeu nas manifestacións pacifistas. O extraño é que os humanos non presenten a habilidade do chochín para identificalos. Máis vale que empecen, porque o paxaro australiano só se percata de que o cuco está no seu niño cando éste xa acabou coa vida de todas as crías.