¡ARRE HO! | O |
21 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CHURCHILL impuxo nos seus setenta anos de vida pública unha moda que pervive: a de que os políticos falen facendo frases máis ou menos enxeñosas. Os de agora danlle mil voltas ó león de Blenheim, e o único que fan é iso, frases. E propaganda. É curioso ese furor -non dubido que sexa espontáneo, circunstancial, inocente- que lles entrou a todos por anunciar máis cargadas de bombo que nunca as institucións nas que están instalados. O Concello insire publicidade a cor nos xornais. A Deputación convertiuse nunha sala de prensa na que se presentan ata os campionatos de tute cabrón. E non falemos deses cartelóns da Xunta que nos queren convencer do que gañaron as praias de Galicia coa marea negra, sen dúbida necesarios en Madrid e en Rodrigatos de Obispalía, pero imposibles de ler nunha clave que non sexa local e electoral en Pontevedra, a tiro de pedra de Ons, aínda engalipotada ata a bandeira. Polo camiño que van partidos e publicistas, só queda unha pregunta por facer: ¿canto tardarán en sacar o clásico anuncio con cachonda?