Menos de media entrada no recinto do paseo de Román López para escoitar unhas intervencións de Anxo Quintana e Fernández Lores con alusións ó «Prestige»
19 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O mestre de cerimonias, o ex edil caldense Ignacio Fernández, definiu a cita nacionalista do martes como un «acto de reafirmación política». Pero pese ó cartel, encabezado polo coordenador nacional do BNG, Anxo Quintana, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, só media entrada para asistir á presentación dos candidatos de Barro, Caldas, Moraña, Portas e Valga -Gonzalo Reboredo, Paloma Fernández, Eloi Carramal, Xosé Manuel Abalo e Antonio Rodríguez, respectivamente-. O primeiro mitin electoral celebrado en Caldas estivo marcado por intervencións serias. Tampouco houbo música nin grandes aplausos. Aínda que as comparacións son odiosas, algún no patio de butacas lembraba que Xosé Manuel Beiras conseguiu hai catro anos o cheo no mesmo recinto.O rexedor pontevedrés foi o primeiro en falar. Nun ton case paternal, dixo que estaba alí para dar ánimos e demostrar que hai outro xeito de facer as cousas. Sen embargo, lanzou un aviso a navegantes. «Non é facil chegar a gobernar -dixo tras lembrar a traxectoria do Bloque na cidade do Lérez-. Nós fomos medrando gracias a un traballo serio, pero non hai que desanimarse se non se consegue á primeira, porque isto é unha carreira de fondo».Fernández Lores aludiu en dúas ocasións á «marea de dignidade» que se manifestou nos últimos meses en contra da «actitude incompetente» do PP para poder rematar co «caciquismo» o ¡25 de xullo! Un lapsus que deu paso ó discurso da candidata local, da que o presentador destacou a súa «insuperable» capacidade de traballo.Paloma Fernández, que seguiu un guión escrito, asegurou que entende a política só desde a participación, «e non para os políticos como di Fraga». Afirmou que pese a súa maioría absoluta, o PSOE nin ten capacidade nin proxecto para Caldas. «O talante negociador e a transparencia da que presume non son reais», sinalou. Con varios exemplos da mala xestión e dos problemas do municipio -depuración e aparcamento, entre outros-, cerrou a súa intervención aspirando á unión da comarca para solicitar o financiamento necesario «e non render pleitesía».O ex alcalde de Allariz e senador levantou os escasos aplausos escoitados. Anxo Quintana reiterou que a «onda de cambio» ten que ter reflexo nas municipais porque se rompeu co tópico absurdo de que os galegos son cidadáns pasivos. «Poucas veces na historia de Galicia se van vivir unhas eleccións nun momento como actual -dixo-. Desde o Estatuto do 36 non temos unha presencia na política estatal como agora». Entre as propostas do BNG citou os orzamentos participativos e lamentou que os populares «confundan mandar con gobernar».Cos candidatos subidos ó escenario do auditorio, Paloma Fernández pechou o acto. «Gracias a todos. Nunca máis e guerra non».