«Demostramos que non nos dedicamos a un só problema»

La Voz M. G. / M. S. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

A condea de directivos de Ence-Elnosa por delicto ecolóxico e os traballos de limpeza das praias afectadas pola marea negra son os grandes momentos que viviu a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), a xuízo do seu presidente, Antón Masa. -¿A que atribúe este premio? -É un recoñecemento ó labor do último ano, e refrenda unha actividade de quince anos. O fundamental para que nos deran este ano o premio é, por unha banda, que teñamos non só sentado no banquiño ós directivos de Ence-Elnosa, senón conquerido unha condena por delicto ecolóxico; e, segundo, polo noso traballo de limpeza das praias afectadas polo vertido do Prestige . -¿Son eses os fitos fundamentais na traxectoria da APDR? -Si. Levabamos doce anos traballando por poder demostrar que Ence e Elnosa cometían delicto ecolóxico; que se teña chegado ó final é moi importante. E o tema do Prestige estanos a dar un respaldo social importante. Estamos demostrando que Defensa da Ría non é un grupo ecoloxista dedicado exclusivamente a un problema.