Un parente meu tiña na mesa camilla do comedor a figura de madeira dun vaqueiro con sombreiro de copa alta, pantalóns bombachos e lazo na man. «É uruguaio, non arxentino», repetía. Agora que Uruguai vai ó tacho e que o presidente Batlle debe estar mastigando as palabras coas que calificou os arxentinos, non estaría mal saber cantos pontevedreses viven en Uruguay. Tendo en conta que uns 300.000 habitantes deste país son galegos é de supoñer que uns 100.000 naceran nas Rías Baixas ou descendan de galegos do sur. Contaban o outro día neste xornal que un dos goleadores do primeiro Mundial de fútbol que gañaron os charrúas era de Redondela. O seu poeta nacional, Alonso y Trelles, era de Ribadeo. Noutros países poríanse a facer algo para devolver sequera simbólicamente parte do favor que debemos ós uruguaios. Aquí non. A estas alturas, o único que necesitan alá para saír da depresión é comprar unha parabólica e enchufarse todo o día á Televisión de Galicia internacional para desfrutar dunha boa panzada de gayosos, superpiñeiros, animaladas ligüísticas e inauguracións varias. Iso é terapia, e non a do FMI.