A pantalla errante

La Voz

PONTEVEDRA

EUGENIO ROUCO

13 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

: ¿ONDE VEMOS O PARTIDO? . Como a estas alturas saberán, o Pontevedra CF xógase practicamente todas as súas posibilidades de ascenso no partido que mañá xogará co Espanyol B. Só cincuenta aficionados do equipo granate acompañarán os pupilos de Milucho a Barcelona. O resto, teremos que conformármonos con seguir o encontro pola televisión ou por radio. Pero o Concello non quere que a cidade se quede sen o ambiente deportivo vivido en pasadas xornadas e por iso pensa instalar unha pantalla xigante para que os afeccionados poidan seguir as incidencias futbolísticas como se dun estadio se tratase. : A EXPERIENCIA PILOTO que se fixo hai dúas semanas no Principal foi un rotundo éxito, pero é aquí onde surxe o problema... O teatro estará ocupado na noite de mañá co concerto de presentación do Festival de Jazz, así que o concelleiro de Deportes, Demetrio Gómez Junquera , leva varios días dándolle voltas ó tema para ver onde se instala a pantalla. Pensouse no colexio Froebel, pero ó parecer está ocupado; o auditorio de Caixanova en Campolongo, ídem de ídem, o incluso el Pazo de Congresos, pero parece que tamén hai outro compromiso, en concreto un encontro sobre novas tecnoloxías. E logo xurdiu a idea de trasladala á rúa. Mellor dito, a unha praza. De feito, o pasado xoves fixéronse probas na do Teucro, que é a máis escura do centro histórico, pero o partido comeza ás nove da noite e aínda hai moita claridade, co que non se vería a pantalla. Algo que, por suposto, pasaría en calquera outra praza da cidade, polo que a opción xa parece descartada. : RESIDENCIA DE ESTUDIANTES . O único espacio dispoñible e que onte tiña en mente o equipo de goberno é a residencia de estudiantes de Caixanova, ubicada na avenida de Vigo. Gómez Junquera espera hoxe unha resposta da entidade financeira. Pero, se finalmente non estivese dispoñible... «Pois non podería ser -sinalou o concelleiro do BNG-. Sería unha pena, porque o ambiente doutro día no Teatro Principal foi formidable e este é un partido moi importante. Nos quedaría só o Auditorio do Pazo da Cultura, pero é un pouco grande de máis, para novecentas persoas. Xa veremos». ¡Lástima que agora estén pechados os cines Gónviz e Victoria! Podería ser unha solución ¿non cren? E con pantalla xigante. : PEÑISTAS VIAXEIROS. Quen non terá problema para ver o partido serán os cincuenta peñistas que irán a Barcelona para ver en directo o que fai o equipo dos seus amores. Trinta acompañarán os xogadores en avión. Outros vinte, botados para adiante, meteranse unha boa panzada de quilómetros en tren. Sairán esta tarde e volverán nada menos que o luns pola mañá. Todo sexa polas cores... : FIRMA DE AUTÓGRAFOS . Mentres se decide a ubicación da pantalla errante, os xogadores do Pontevedra CF continúan a campaña de promoción nesta fase de ascenso. Se a semana pasada vimos a Martín Ragg repartindo entradas nun colexio, onte o porteiro titular do equipo granate estivo na tenda deportiva Todo Fútbol firmando autógrafos, xunto con outro cancerbeiro do plantel, Moncho . Más información en página 45