A rotonda de Tafisa

La Voz

PONTEVEDRA

A rotonda de Tafisa, círculo perfecto cheo de cruces onde xacen un rosario de profesións, convertido en cemiterio por un día, representa a capacidade imaxinativa dun centro e pico de traballadores que unha vez máis amosan as súas protestas, de xeito plausible, pola situación crítica que atravesa unha fábrica seriamente ameazada de peche, e poñen de manifesto, a pasividade e incapacidade da Xunta para facer fronte a este conflicto. O Comité de Empresa en catro días moveu fíos e acadou compromisos de oferta de terreos en Vilagarcía, Portas e Caldas, mentres desde Las Carolinas en Jaén, esperan como voitres e a Xunta en dez anos non fixo nada. Manifestacións pacíficas, doazóns de sangue, camisetas, entrevistas, diálogos, pancartas, un campo santo... Todo un exemplo de xestión dun conflicto sen virulencias, cando se xogan o pan das súas familias. Nesta fábrica non se fan galletas e non poderán facer un almorzo colectivo, pero as poucas madeiras que quedan nos seus almacéns poden arder definitivamente nunha fogueira na noite de San Xoán. Faremos un conxuro para que coas cinzas se marchen e queden sen traballo os conselleiros da Xunta. José A. García Lores. Secretario xeral de UGT Pontevedra.