«Síntome máis cómodo na comedia»

La Voz

PONTEVEDRA

XOÁN CARLOS GIL

LÓPEZ PENIDE LA ENTREVISTA Miguel de Lira, Currás en «Mareas vivas» e protagonista de «Entre bateas»

19 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O nome de Miguel de Lira saltou á fama coa personaxe de Currás en Mareas vivas. O coñecido actor rodou en Vilalonga (Sanxenxo) escenas de Entre bateas, debut cinematográfico de Jorge Coira, realizador de Terra de Miranda, serie producida por La Voz de Galicia que emitirá a TVG a partir do 28 de outubro. -¿Como é Mario? -A miña personaxe é íntegra e mantén os seus principios, non como Sego (Pepo Suevos) que é o malo entre comiñas, xa que empeza a facer tratos cos colombianos e a mete-la coca. O vértigo de pasarse á fariña foi moi rápido e de moitas pelas, pero tamén son conscentes de que eses cartos van deteriorar os seus fillos. A película non ten moralina, non xulga se iso está ben ou mal, céntrase na historia de amizade que se rompe. -¿Que escenas rodou en Vilalonga? -Rodouse unha secuencia ambientada nos setenta cos nenos. Os dous rapaces son de O Grove e, curiosamente, son amigos na vida real. Fixen unha escena na que chego ata o Bar Luis, propiedade do pai da miña muller Isabel e lugar no que ela vive tras deixarme. Deteño o vehículo e pouco despois arranco e marcho. A miña ollada é un pouco a do fracaso. É unha escena do final da película, pero prefiro non contar nada máis, só que a cousa está poñendose moi fea. -O seu papel é diferente ó que nós ten acostumado... -Xa fixera moitos rexistros, pero non eran tan coñecidos. Virxinio de Unha de romanos ou Currás de Mareas Vivas están enfocados máis en clave cómica, son máis expresivos, e o papel de Mario pide contención e introversión. É unha interpretación con pouco texto e baseada na xestualidade. Síntome máis cómodo na comedia porque é onde teño experiencia e aquí deixome dirixir. -¿Existe un «boom» do audiovisual galego? -Non porque o boom é cando lanzas un foguete, explota e acabouse. Non interesa iso, interesa que teña moita mecha e aquí hai bastante. Agora trátase de que colla forza na viaxe.