A Amil vaise por chegar

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

Noite de festa e peregrinación camiño do santuario dos Milagres Amence e unha fervenza de persoas baixa do santuario dos Milagres, en Amil (Moraña), para volver á casa nun taxi coma o de Manuel, que frega a cara a cada pouco para espertar e repite, cada vez que toma un bache: «Moito che hai que arreglar no país». Ducias de romeiros, a maior parte deles mozos con ganas de farra, dedicaron a noite do sábado a andar entre os seus pobos e o santuario, un percorrido que, desde Pontevedra, supera os vinte quilómetros.

09 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

a puerta no me abre», atrona o casete portátil dun rapaz de dous metros frente ó local social de Lérez. «Xa vou escarallada», comenta unha moza maquillada. Máis adiante, na Piolla, unha amiga quéixase: «¿Non diciades que quedaban catro ou cinco curvas?». «¡E viñemos pola mañá e era o que quedaba!», rin. Amil está aínda a catro horas. O fundamental é ir regulando as forzas, manter o paso, e facer unha parada técnica nos bares -aquí chámanlles tendas- para refrixerar. En Xeve, a festa está en La Gruta, unha casa vella restaurada con altavoces que cospen o Disco Estrella. Hai presión. Xunto á porta pasan os viciños de Os Praceres, vestidos con camisetas que falan do tren que lles cruza o pobo. Levan dúas horas andando: «Lourizán non perde a fe», rin. O peor son os sinais que indican o que queda ata Os Milagres. «¡Aló abaixo puña 13 quilómetros e aquí 14!», protesta unha muller que acompaña a dúas nenas. O seu home fala de meigas que sacan o aire, e di: «Esto élle xa coma O Pelete, chegas arriba e hai chavales cunhas peteneras...». Cando rematan as casas de Xeve, todo é monte. De vez en cando, un coche fende a noite deslumbrando a comitiva. A media subida o aire trae recendo a garrapiña. «¡Chegamos, chegamos!». Hai o tempo xusto para darse de conta de que ó que se chega é a unha roulotte de feira, xunto a un campamento de Protección Civil. Haberá máis, algún cun televisor prendido, no que romeiros cansados atenden a unha crucial entrevista de Superpiñeiro a Alberto Comesaña. Para chegar a Amil o mellor é deixarse levar. Hai ducias de atallos, de carreiros invisibles aptos só para montañeiros que cruzan as curvas xenerosas da estrada. Maximino, xubilado, ten problemas nunha baixada: tócalle o móbil xusto cando pisa unha pedra, e desestabilízase: «¡Alo vou!». «A Amil vense por chegar», di unha señora, exultante, cando xa se ve a capela, catro horas e media despois de sair de Pontevedra. «O mellor é contalo o día despois», confirma un home. Son máis das cinco e vese xente almorzando nas beiras da pista, mentres se montan postos de venda de exvotos. Nun, xunto dun calendario da Virxe, hai un cartel da Unión Europea. No campo da festa, a orquestra América SL bótalle a última -«camino de la cama, es el mejor camino»- e apúrase o calimocho. O bater furioso dunha campá sustitúe á música. A festa desfaise. Os ofrecidos, que non din por que o están, porque o mal é algo que queda entre eles e o ceo, mestúranse con camiñantes cansados e escoitan o canto desafinado dos curas. Ó fin e ó cabo, se se vai a Amil é a algo, aínda que non se saiba ben a que. Arredor da igrexa de estilo indeterminado agólpanse cincocentas persoas. Dentro cheira a cera e hai pouco osíxeno. Non son as seis cando empeza a primeira misa. O momento multitudinario da festa chegará ó mediodía, cando a efixie da Virxe saia en procesión con centos de billetes na capa. Escaleiras abaixo, taxistas da comarca, coma Manuel, apuran o último sono antes de empezar a traballar.