NA RÚA, NO AUDITORIO

La Voz

PONTEVEDRA

MANIFESTO

01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe a Cultura está na rúa. Coa Mostra Internacional de Teatro de Cangas, que acada heroicamente a súa 18º edición. Coa Mostra, impulsada por Xiria, motor da reivindicación do auditorio. Dende hai anos vimos loitando por él. E costounos ferro e fariña conseguilo porque a Administración, que tiña a obriga de encher en por ela ese baleiro, non só non cumpriu o seu deber senón que fixo oídos xordos ao noso clamor e, finalmente, demorou ao máximo a súa construcción. A perxudicada por esa carencia foi Cangas, pola indigna e inmerecida imaxe que a falta dun imprescindible centro cultural ofrecía dela. Por causa desa desidia, pola falta de local axeitado, a Mostra terá este ano que facerse na rúa. Por iso tamén nós, cangueses e canguesas creadores de Cultura colectiva e individualmente, sentímonos tamén na rúa. E por iso apoiamos a inauguración simbólica do Auditorio que se efectuará coa apertura da Mostra. Alí estaremos, físicamente ou en espírito, porque esa será a auténtica inauguración, a que fará o verdadeiro protagonista: o mundo da Cultura. O que loitou por él. Pero o Auditorio non pode ser un espacio infrautilizado nin xestionado de costas aos creadores e creadoras cangueses. Ten que ser un espacio aberto e dinámico que posibilite que deamos o mellor de nós mesmos en todo tipo de expresión artística. E o Concello ten a obriga de contar connosco para a programación. Por iso hoxe, ledos e reivindicativos, berramos: ¡Longa e proveitosa vida ao auditorio que hoxe inauguramos!