Os incribles contos minguantes

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

Antón Riveiro Coello publica un libro con 94 relatos que van dende as tres páxinas do primeiro ás tres palabras do derradeiro

03 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo libro de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) titúlase Á sombra dos bonsais (Galaxia), unha imaxe arbórea que se estende á propia estrutura da obra, formada por 94 contos que se suceden en orde minguante: o primeiro, Intruso, ocupa tres páxinas, mentres que o derradeiro, Infarto flamenco, ten nada máis que tres palabras. O lector pode gabear pola árbore, dende as pólas baixas e frondosas ata o cumio, facer o percorrido inverso, acubillarse á sombra do título ou mesmo saltar de galla en galla.

Á sombra dos bonsais ten o seu xermolo nun xogo que Riveiro Coello puxo en marcha hai tempo nas redes sociais, ás que chegou tarde desanimado pola «feira de egos» que percibía nelas. Pero a espera foi frutífera. O escritor empezou por compartir pequenos relatos que denominou micropostais e que propiciaron unha resposta rápida e directa dos lectores. «Houbo algunha peza que se modificou a partir dun comentario e mesmo houbo algún amigo que escribía o seu microrrelato como resposta ao meu», lembra o autor. Ese diálogo co público estimulou a Riveiro Coello para idear un texto ou dous con periodicidade semanal: cando levaba preto de corenta decatouse de que tiña ante si a semente dun libro.

Aínda que se recoñece mellor na distancia longa -«Gústanme as metáforas, as digresións, a adxectivación, crear imaxes, e todo iso cabe nunha novela», explica-, a brevidade ofrecía novos retos ao escritor, quen defende a necesidade dunha «imaxinación hiperbólica» no cultivo das pezas cativas. Riveiro Coello equipárao a unha «iluminación», unha faísca de inspiración da que depende en boa medida o resultado final, que logo acaba por pulirse coa técnica. Por exemplo, o autor subliña a importancia do título: «Se está mal posto, xa perdiches moito». Tamén hai unha presenza destacada das elipses e do poder de suxestión das palabras: son relatos que agochan ou evocan moito máis do que din no texto escrito.