Casares

Xosé M. Rodríguez ANACOS

XINZO DE LIMIA

Hai xa tantos anos que o Día das Letras Galegas non tiña a esta provincia como protagonista que xa case que nin lembramos como ven sendo a cousa. Unha oportunidade, a que ofrece o ano adicado á figura e á obra de Carlos Casares, que non se debería deixar pasar para reivindicar todo aquilo que ocupou os traballos e os días do escritor ao que se lle renderá homenaxe durante todo este 2017. Xunto aos moitos cometidos nos que se distinguiu Casares -escritor, articulista nos xornais, deputado autonómico, director de Galaxia, do Consello da Cultura Galega e presidente do PEN Clube de Galicia- están esas outras facetas ou iniciativas ás que estivo vencellado. O profesor de instituto, o mozo que coñecía o mundo dos fuxidos e que se ofreceu a pasar a algún perseguido pola raia da Limia a Portugal, o reivindicador de Juan de la Cova e o seu mundo tolo e engaiolante -moito máis alá do Trampitán-, o promotor de estudos centrados nalgúns dos intelectuais máis sobranceiros da provincia ou o creador duns encontros literarios, os do Liceo, que lle ofreceron aos ourensáns a posibilidade de disfrutar da presenza dos mellores creadores durante anos, entre outras realidades, iniciativas e proxectos.

Enceta o ano e xa Antón Riveiro Coello lle deu protagonisto ao escritor na súa última novela. Unha boa forma de disfrutar dun ano no que xa están anunciados actos como a xuntanza da Real Academia Galega en Xinzo de Limia ou a celebración dunha Festa da Palabra adicada ao escritor que protagoniza o Día das Letras Galegas 2017. Seguindo ao presidente da Fundación Casares, a data servirá para afondar no seu legado.