A banda presentou o seu single basado na recollida de cantigas dunhas veciñas da aldea de Terroso
11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O proxecto musical Alana, composto por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, lanzou o pasado 27 de febreiro o seu novo sinxelo titulado Vilardevós. Esta estrea constitúe o primeiro adianto do seu segundo álbum, Un saber, que verá a luz esta primavera e contará cunha presentación oficial o vindeiro 18 de abril na Sala Capitol. A peza parte dunha recollida sonora a unhas veciñas de Terroso, parroquia deste concello ourensán, localizada no Arquivo do Museo do Pobo Galego (APOI). Segundo explican os integrantes da banda, escolleron este nome como unha homenaxe ó territorio e ás súas xentes. Alana xurdiu coa vontade de crear unha ponte entre a música tradicional e a pop ou electrónica, empregando o significado do seu propio apelativo, «harmonía», como fío condutor dun proceso creativo no que Eloy Vidal procesa as voces dixitalmente e engade instrumentación tradicional. Para os membros do grupo, estes arquivos teñen un peso fundamental á hora de compoñer.
«O que che transmite a recollida é o que intentamos transmitir na canción», sinala Antía. Nesta ocasión, a obra contou coa colaboración do grupo de pandeireteiras Pan Sen Fron e inspirouse no ambiente festivo e no balbordo que se percibía na gravación orixinal, dando como resultado unha sorte de rave tradi (festa clandestina centrada na música electrónica) que xoga co o pasado e o presente. «Cada un trae a súa visión de como tratar a música, cada un ten as súas influencias, as súas vivencias que van marcando o camiño do que fai. Os tres mamamos moito a música tradicional e ten moita importancia para nós, por iso as recollidas teñen moito peso á hora de crear as cancións», sinala Antía Vázquez.
A formación, con raíces na Costa da Morte, define a súa identidade mediante a fusión da herdanza oral con potentes postas en escena vinculadas ó baile, o que os levou a participar en citas internacionais como o Festival Interceltique de Lorient ou o Terra Fest de Genève. Alana destaca por unha proposta que busca que esas músicas escondidas se acheguen ó contexto contemporáneo. O lanzamento de Vilardevós compleméntase cun videoclip asinado por Undodez e realizado por Einibó Films, baixo a dirección de Adolfo Fernández e a dirección de arte de Lara Caeiro.