A visita a Córgomo de Casares

Avelino G. Ferradal

VIANA DO BOLO

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o inverno de 2001 e sendo eu presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), recibía a chamada da asociación de veciños de Córgomo, que querían render unha homenaxe ao seu poeta Florencio Delgado Gurriarán. Prepararon un montón de actividades, exposición, inauguración dun pequeno museo… E pedíronme si o IEV podería colaborar con algún escritor de renome que apoiara a causa en favor da declaración de Delgado Gurriarán como Letras Galegas 2003 xa que, se celebraba o centenario do seu nacemento. Falei con algúns dos afamados escritores do momento, pero, ou ben pola data proposta, que non era moi boa, ou ben por non querer participar no acto, todos me deron largas. Xa caendo na «desesperación» chamo a Carlos Casares, pensando en que me ía dicir que non, xa que era moi tarde, e non recibín máis que desexos de participar pola súa parte. Confirmoumo aos dous días, foi o 9 de decembro e o acto celebraríase o 21 dese mes.

Teresa, Conchi, secretaria e vicepresidenta do IEV e máis eu, esperámolo nun hotel do Barco, onde se ía hospedar. Fixera e facía moito frío e comentounos que acababa de saír do hospital con catarro e que deixara nel á súa muller ingresada cunha insuficiencia respiratoria. O encontro foi moi cordial e case sen tempo dirixímonos a Córgomo. El nunca estivera na terra do poeta valdeorrés e con moi bo criterio preguntou: «E non será nunha carpa?». Asentín e torceu o fociño. Díxenlle que non se preocupara que estaba con canóns de calor e nos pés tería unha estufa. Isto tranquilizouno un pouco, pero pouco. Eses días acadáranse uns 10 graos baixo cero. Chegamos á Córgomo, entramos na carpa e cando viu o monumental cheo que había, 400 persoas, exclamou: «Carallo!». Pronunciou a súa conferencia saída máis do corazón e da amizade con Florencio que da propia ciencia que podería emanar do noso erudito. Rematamos os actos, que contaron coa colaboración do cantautor valdeorrés Anxo Rei, e baixamos cara O Barco, non sin antes visitar a casa museo que se instalara. Xa de camiño se lle vía un home feliz, satisfeito. O frío xa non importaba e comezaba a facer o que el realmente facía sempre: conversar.

Ceamos acompañados dalgúns representantes da asociación de veciños. A velada foi espectacular, inesquecible. Falounos e falounos de cousas e non cansabamos de escoitalo. Desde cando andivo polas terras de Viana do Bolo, no instituto de ensino medio que hoxe leva o seu nome, ata como coñeceu a Kristina, a súa dona, nun tren de Santiago a Ourense, «non podería ser noutro xeito», facendo referencia á súa paixón polos trens. De como nun mes estaba casado ou de como cando ía ver aos seus sogros tiña que achegarse a Suecia. De como os seus fillos padeceron o accidente de todos os menos suecos, quedar pegados a un carambelo coa lingua, polo frío que vai por esas altitudes… E mil anécdotas máis, algunhas inconfesables. Como el sabía facer, sen presa, deleitándose na súa conversa, notábase que estaba moi a gusto e eu sentinme satisfeito. Pasaba xa da unha da mañá. Dinlle as grazas en nome de todos e despedímonos, iso si díxome que ía escribir unha columna sobre a viaxe. E así foi. Dous días despois aparecía en La Voz de Galicia, onde escribía unha columna de «Sol a sol», titulada Estiven en Córgomo.

A noite do 8 ao 9 de marzo do 2002, case tres meses despois, logo de asistir a un acto no Instituto Padre Sarmiento en Santiago de Compostela, ceamos nun restaurante da cidade, preto da catedral, que ten unha sala dedicada a Casares que chama «Ilustrísima». Estabamos acompañados do arcebispo, don Julián Barrio, e por suposto tiñamos que falar de Carlos Casares Mouriño. Foi tamén aquela unha velada estupenda. Regresamos a Valdeorras e levanteime coa amarga nova da súa morte. Namentres nós falabamos del, Carlos falecía nun hospital de Vigo. Fórasenos o gran conversador e con el moitas das esperanzas que os valdeorreses tiñamos en que o 2003 sería o ano de Florencio Delgado Gurriarán. E seguimos esperando.