Os churros

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

BASILIO BELLO

08 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O que non se alivia é porque non quere. Saímos golpeados do Nadal. Con quilos de máis, co peto rasurado e coa sensación de pasar pola máquina do tempo. Porén, non todo son malas vibracións. A comezo de ano intentamos ser mellores do que fomos. Levar unha vida máis saudable, medírmonos nas comidas, abandonar malos hábitos. Poñernos a camiñar, correr, ximnasio, piscina. En Verín é difícil. A próxima semana arriba San Antón, dezasete de xaneiro, e no monte de Ábedes celébrase unha romaría en que os excesos do Nadal resultan nimios en comparación con esta festa tradicional. Próbase con deleite o viño novo, os produtos porcinos de todo tipo degústanse con alegría, cántase, báilase, e parece que volve ser Fin de Ano. Ademais, no 2026, o entroido cae cedo. O 5 de febreiro xa se celebra o xoves de compadres en Verín, e nas semanas pretéritas os cigarróns saen coas súas chocas (pero sen traxe). En Xinzo arrancan na fin de xaneiro cos seus afamados domingos (fareleiro, oleiro, etcétera). E en Laza celébranse folións todos os venres. Un pregúntase como o corpo pode soportar tanto exceso. Aquí non descansa a troula. É unha onda constante que a todos nos envolve. Talvez por iso falan do triángulo máxico. Xinzo, Laza e Verín son un equilátero perfecto. Tanto como as ocorrencias do Paco Mariló. Deume un remedio para baixar uns quilos neste xaneiro. Estabamos na súa casa. Falou: «Caneiriño, tes que ducharte con xabón de fregar pratos». Eu non entendía nada. Colleu unha botella na cociña. «Le aí», díxome. Eu lin: «Disuelve la grasa al instante, incluso la más difícil». Non souben se rir ou mandalo a fritir churros. Optei pola segunda fórmula. Contestou: «Churros non, que engordan».