Omeu nome é Alonso. Alonso Quijano. Existo como existen as pedras de Verín ou Compostela, dúas cidades relevantes para este que escribe e que foi escrito por don Miguel de Cervantes, provincia de Lugo. En Verín naceu Sancho. Antes chamáronme tolo. Deixei de ler libros de cabaleiros e dedícome, a tempo completo, á lectura de novelas de misterio, intriga, esoterismo e outros arcanos. Se don Miguel, o meu creador, levantase a cabeza e contemplase o panorama literario, pobre. Dulcinea vive comigo. Espértanos a Berenguela cando pasan as doce da noite. Din, en Santiago, que só nós somos quen de escoitala. Golpe a golpe. Tivemos fillos. Dedicáronse, en contra dos meus consellos, ao cruel oficio de escribir. Sancho encontrou o éxito e a fortuna grazas a moitos dos seus descendentes. Participan asiduamente, os Sanchos, en programas frívolos televisivos. Pídenlles que opinen de todo e eles, que non fuman e adelgazaron a liña xenética, proclaman a súa opinión e reciben o aplauso. Din, os críticos do sistema, que os Sanchos sempre foron politicamente correctos e que iso é o que realmente aprecia a sociedade do século XXI. A min non me importan as opinións dos Sanchos. O certo é que cada vez impórtanme menos cousas. Só ela. Só ti. O único que me salva, do tedio, é mirala de fronte. Ou en soños. Acariñar os seus dedos. Pousalos sobre os meus e pedirlle que me lea outra novela. Dulcinea, ao revés de min, aínda conserva a súa vista intacta. Cada noite levántome do leito e observo a súa cara dende os meus ollos cegos. Tan humana. Todo tenrura e esperanza. Os mortos podemos perder batallas, mesmo a cordura e a fe. Pero nunca perdemos o amor. Este mundo xa só poden salvalo as Dulcineas.