Nerviosos


Son unha ducia de preñadas coas hormonas polo aire, catro palabras amables, un pouco de sentimentalismo apelando á saúde do cativo, e todo resolto. En media hora convencidas e contentas. E o paridoiro pechado para sempre. Algo así entendo que é o que deberon pensar (se é que alguén o cavilou de verdade sobre o asunto) aqueles que decidiron poñer fin á maternidade no hospital de Verín. Pero, ¡oh, sorpresa! a ducia de galegas decidiron deixar de aplicar iso de que «mexan por nós e dicimos que chove» e berrar que diso nada, que Verín non se pecha. E non berran soas. Berran con moita xente. E non só xente de Verín. Xente de toda Galicia está apoiando as concentracións para reclamar que no rural ten que haber algúns servizos. Xa non vamos dicir todos, aínda que en Santiago enchan a boca falando da lexislatura do rural. Como non sexa a de acabar con el... E vese que tanto ruído está poñendo nerviosos aos que mandan. E xa se sabe que cando un está nervioso, fala de máis, e deixa á vista as costuras. Só así se entende que o conselleiro de Sanidade saíra o mércores asegurando que se garante a asistencia antes e despois do parto. ¿E logo é que non estaba garantida? ¿Pensaban quitala? E onte saíu o presidente da Xunta avalando a medida en criterios médicos. É o discurso que viñan mantendo, así que nada que obxectar (si ao fondo, pero non ao discurso), ata que acto seguido di que sacaron dúas vacantes de pediatría no hospital de Verín e non se presentou ninguén. ¿Pero en que quedamos? ¿Se era mellor pechalo, para que esas prazas? Haberá que reclamar o AVE, si, para que as preñadas cheguen pronto a parir a Ourense. ¡Mi madriña!

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Nerviosos