A sanidade non está en venta, deféndea

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

VERÍN

Mentes inquietas e con sensibilidade social como Ernest Lluch planificaron nos anos 80 un dos alicerces do noso Estado de Benestar, a Sanidade Pública, que posteriormente o pico e a pa dá cidadanía transformou na realidade que é hoxe,e que a pesar dalgúns gozamos no noso país.

Chegou o momento de que ante a falla de mantemento deste edificio fundamental no noso desenvolvemento como sociedade e na mellora na calidade de vida de toda a cidadanía, da privatización de servizos que están a empeorar cada día máis a atención e as instalacións, fagamos unha fonda reflexión que nos leve a unha autocrítica a todos e todas sobre cómo contribuímos cada un de nós en reforzar esa estrutura, e mellorala para adaptala a estes tempos.

Precisariamos dunha triloxía, un libro por cada unha das lexislaturas de Feijoo, para relatar os malos tratos continuados aos que levan sometendo á sanidade pública en Ourense. Supresión de camas, medios e persoal; os servizos de Urxencias convertidos nun hospital de campaña; o práctico desmantelamento da sala hemodinámica para pacientes cardiacos;a redución do servizo de Cirurxía Pediátrica; as esperas de ata sete días para ter cita en Primaria; as carencias de especialidades nos hospitais comarcais de Valdeorras ou Verín; a ausencia de atención xeriátrica especializada na provincia máis envellecida de España...

As últimas aportacións son as dun edificio ultramoderno con wifi e xardín, que convivirá con condicións decimonónicas onde os traballadores seguirán sofrindo episodios de estrés pola falla de persoal, con redución de camas, sabas e toallas rotas nas habitacións... ou a do propio Presidente da Xunta que ante a saturación de urxencias é partidario de meter máis camas nas habitacións, como se os hospitais os puidéramos converter nun albergue de peregrinos con liteiras, ou nos estivera insinuando que temos que traer da casa un colchón inchable para colocar onde poidamos.

Unha traballadora do CHUO dicíame que non esperaba esa resposta cidadá na concentración que tivo lugar o venres, porque nestes últimos anos a provincia permaneceu case impasible vendo como todo se desmoronaba, queixándose en privado pero sen amosar nas rúas ou en cada proceso electoral, o rexeitamento a estes continuos ataques, e non lle faltaba razón. O noso goberno ten a responsabilidade de respectar á xoia máis prezada do noso Estado de Benestar, pero cada un de nós temos tamén a obriga moral, cos nosos devanceiros e coas xeracións futuras, de defender o que tanto traballo e esforzo nos costou construír.