John Wayne

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Do meu primo Gerardo podería contar varias historias cada día. Ninguén coma el encarna o espíritu deste País das Marabillas. Parece que el mesmo, sen querer ou querendo, atrae os prodixios e todas as súas fantasías. Á néboa chámaballe esmog, en correcto anglicismo do que eu ignoraba o significado ata que el mo descubriu. Entre as súas afeccións curiosas figuran a colección de alcumes (elaborou unha lista con dous mil alcumes da vila de Verín) e coñece a data dos falecementos máis célebres, as causas, proceso e hora do óbito, como se relatase en tempo real cada un deses luctuosos aconteceres. Sabe os pasos exactos que hai dende a súa casa a calquera punto da vila e pode explicar a historia de cada familia, irmáns, ausentes, presentes, como un catedrático da vida social verinense. Pero nada supera para el a fascinación que dende neno lle provoca John Wayne. Contoume que lle chamaban Tres Emes porque o seu nome orixinal era Marion Mitchell Morrison. Sabe os centímetros que medía aos vinte e aos setenta, un pouco decrecido. Os seus amores, películas, directores de películas, reparto de películas, ata a cor dos pantalóns que levaba o día que o contrataron para Centauros do deserto. Agora está de moda bautizar con nome foráneo. E non pasa nada. Na comarca de Verín hai varios Anthony ou Giselle (incluso un Kevin Costner). Pero cando eu nacín eran outros tempos. O meu primo lévame once anos e aquel 17 de xuño de 1963 emocionouse. A miña nai, que o quere como a un fillo, púxome no seu colo. Gerardo preguntoulle: «¿E como lle imos poñer ao neno, tía?». «Coma ti queiras, Gerardito», contestou mamá. Eran outros tempos, dixen. De non ser así ninguén podería salvarme: eu chamaríame John Wayne.