Angrois

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

VERÍN

En Angrois quedou parte de Nós para sempre. Alí irán os nosos ollos cando as curvas do destino, invisibles e insomnes, debuxen curvas de terror. Alí perderemos o mil veces perdido. Escoitaremos o bruar das areas cristal do norte, onde o mar musita baladas ao frío. Pero en Angrois aprendemos tamén que a humanidade non deixou de ser humana (aínda que estes días algúns miserables renoven o seu pacto coa miseria). Aprendemos leccións de vida fronte á morte, catapulta de todos os infernos. Gutiérrez, por exemplo, un adolescente que engrandece a palabra tantas veces vituperada: xuventude. Tirouse ás vías cargado de amor repartido, gota a gota, nos seus quince anos de vida. En Angrois deixamos lágrimas que veñen traidoras a mollar o papel do periódico onde escribo. Conmovido, aínda. Deberían gardarse, como signos de amor, os exemplares húmidos de bágoas. Vin chorar a amigos na barra dun bar, tan adultos e tan escarmentados da vida, mentres pasaban as páxinas de La Voz. As lágrimas que caeron no papel foron dereitas, seino, á terra de Angrois. Alí seguen, doéndonos. Os vellos deixaron de ser vellos e as mulleres coraxe, tantas, pintaron as súas uñas de cor misericordia. En Angrois, aínda que pareza o contrario, crecemos. Multiplicamos a esperanza no ser humano. Nobres, pese a tanto. Somos mellores. Por iso non soporto o diálogo absurdo dos dedos acusadores, discutindo, tertuliando feroces: as ideoloxías amosando a súa ruindade. Prefiro mirar a 170 quilómetros de Verín para que a ilusión, tan distante, resucite entre Nós. Miro ao adolescente Gutiérrez. Miro Angrois. Para renacer, Galicia.