Morreu Manuel Rodríguez Alonso, un artesán para a MIT

La Voz

RIBADAVIA

Sampedro foi o creador dos premios que se entregan na Mostra de Ribadavia

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Finaba onte Manuel Rodríguez Alonso, coñecido popularmente como Sampedro, un artesán do ferro que foi toda unha institución na comarca do Ribeiro pola mestría e a calidade dos seus traballos. Aínda que orixinario de Ourense, Sampedro estableceuse hai décadas en Francelos, onde tivo o seu taller e onde se crearon os encargos que lle facían os seus clientes. A caza foi a súa gran paixón. Nos últimos anos, xa xubilado, viviu en Ribadavia.

 

 

Ademais do traballo cotidiá, Sampedro daba resposta a calquera proxecto que se lle trasladase. E desa faceta creativa naceu a peza que se entregaba como premio nos últimos anos na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Coa mesma a MIT galardoaba ás persoas que recibían o Premio de Honra e o Abrente.

 

Desde a MIT o seu director, Roberto Pascual, fixo públicas «as condolencias e todo o afecto do equipo do festival á familia e amizades de Manuel Rosríguez Alonso Sampedro», creador dos premios da mostra. Pascual sinalou no seu comunicado que a figura de Sampedro quedará «sempre no recordo desoutra familia, a gran familia da Mostra Internacional de Teatro».