A romaría Raigame rendeu homenaxe a tódalas cantareiras da provincia ourensá

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

A festa etnográfica congregou en Vilanova dos Infantes un ano máis a miles de persoas

17 may 2025 . Actualizado a las 19:28 h.

Ás veces pasa que o tempo non acompaña, pero non é o habitual. O normal é que cando chega o dezasete de maio o sol bañe Vilanova dos Infantes dende primeira hora da mañá para facer máis fermoso, se cabe, este burgo medieval do concello celanovés e para ledicia dos que participan da romaría etnográfica Raigame. Que son moitos. Cada ano máis e chegados de máis lonxe. Polas rúas ateigadas de xente é cada vez máis frecuente escoitar acentos doutras nacionalidades nesta festa declarada de interese galego e na que son tamén cada vez máis os que se animan a vestirse como se facía aló polo 1900.

Os que acudiron este ano moi posiblemente houbesen agradecido algunha nube máis no ceo para aliviar a temperatura que rozaba os trinta grados ao fío do mediodía nas rúas e prazas ateigadas de xente. Despois do penar das colas para chegar as zonas de aparcamento —algúns contaban que saíron de Santiago as sete e nin por esas libraron de dar unhas cantas voltas—, ninguén quería perder detalle. Case non se sabía a qué atender: Nas rúas e prazas sucedíanse as músicas dos de Rebulir de Ramirás, a Escola de Danza da Deputación, as agrupacións de A Veiga ou Celanova e os postos dos artesáns. Este ano había nada menos que un centenar, repartidos intra e exta muros, e de todo tipo de oficios. Moitos amosaban o seu bo facer en vivo ao tempo que, cunha paciencia infinita, respondían mil veces as mesmas preguntas dos visitantes máis curiosos mentres seguían traballando a madeira, o barro, o coiro, os vimbios.... Mesturados con eles, postos de bos produtos da terra, froito do seus esforzo de agricultores, gandeiros ou apicultores.

Segundo se foi achegando a primeira hora da tarde, boa parte do público concentrouse na praza Maior co afán de ver aos danzantes cos bailes de orixe gremial. Pero antes, como é costume, a organización de Raigame entregou os premios desta edición. Primeiramente déronse os correspondentes as fachadas mellor engalanadas para a romaría do pasado ano. Angelines Vázquez Méndez recolleu o primeiro —dotado con 300 euros—, o segundo foi par Manola García Vázquez (200 euros), e o terceiro para María del Carmen González Santalices (100 euros). Despois tocoulle o turno ao Premio Adolfo Enríquez, que este ano recaeu en tódalas cantareiras da provincia de Ourense. O xurado lembrou que as homenaxeadas nesta edición das Letras Galegas están tamén na orixe do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense que organiza, xunto co Concello de Celanova e os propios veciños de Vilanova dos Infantes esta romaría etnográfica. Tal e como lembraban dende a organización, cando a agrupación folclórica Castro Floxo iniciou os primeiros traballos de campo para recopilar bailes e cancións da tradición popular, aló polos anos setenta do pasado século, toparon un tesouro escondido na serra do Suído. Máis concretamente. nas aldeas dos concellos de Avión e Beariz. Alí aínda conservaban as pandeiradas nas que se cantaban tonadas antigas, pasadas de xeración en xeración. Esa foi a razón pola que neste ano que as Letras Galegas renden tributo á literatura oral popular e ás mulleres que a preservaron, a organización de Raigame tamén decidise outorgarlle o seu maior recoñecemento os grupos da provincia ourensá que seguen preservando ese legado. E para representalas a todas e recoller o galardón —a reprodución da torre do castelo de Vilanova feita polo pintor e escultor Leandro Sánchez—, achegáronse ata a praza Maior deste burgo medieval celanovés as cantareiras e pandeireteiras de Beariz e Avión que seguen entoando as mesmas composicións que escoitaron os representantes de Castro Floxo ás súas avoas.

O alcalde de Celanova, Antonio Puga, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor, encargáronse de facer a entrega dos recoñecementos. O rexedor tomou a palabra para agradecer de xeito especial aos veciños de Vilanova e a tódolos colectivo que traballan neste día para facer posible que un evento ao que acoden milleiros de persoas se viva de xeito exitoso e sen atrancos. Unha felicitación á que tamén se sumou Luis Menor que reivindicou a romaría Raigame como «a mellor celebración do Día das Letras Galegas e da cultura galega de toda Galicia». O presidente do ente provincial lembrou que «Ourense é cultura, é tradición e é galego e nada mellor que Raigame define perfectamente estas características», dixo. «Este é un escenario vivo do noso orgullo de galegos e de ourensáns», sinalou.