Marxismo, anarquismo, masonería

F. Javier Quintas FIRMA INVITADA

OURENSE CIUDAD

O secretario do Instituto de Estudos Masónicos de Galicia, Francisco Javier Quintas, fai un repaso la masonería en Ourense

22 abr 2019 . Actualizado a las 21:01 h.

Marxismo, anarquismo, masonería. Demoníaca tríade que durante décadas fixo correr ríos de tinta no noso país. Da man do sionismo -o cuarto xinete da nosa particular apocalipse patria- as súas avesas e ocultas intencións foron dadas a coñecer ao gran público por autores como Jakin Boor -o ditador Francisco Franco- ou Mauricio Karl, pseudónimo de Julián Mauricio Carlavilla, expolicía e activo propagandista antisemita que cultivaba a amizade de axitadores do odio como Eduardo Colomín Colomer, Santiago Martín Báguenas ou o xeneral golpista Emilio Mola.

Oitenta e cinco anos despois da publicación da obra de Mauricio Karl, que hoxe dá título a este texto, vemos renacer este discurso -que case todos pensabamos superado- co único obxecto de sementar a inquiña e poñer en perigo o máis prezado dos bens de calquera sociedade: a súa paz social.

A masonería, contrariamente ao sostido por algúns intoxicadores, caracterizouse sempre por ser un espazo de liberdade e convivencia democrática no cal homes e mulleres, sen distinción de idade, raza, credo ou condición traballan polo progreso da sociedade, facendo da Liberdade, a Igualdade e a Fraternidade universais os seus signos de identidade. Malia todo, corenta anos de democracia non foron suficientes para normalizar, como así o está en calquera dos países da nosa contorna, a súa actividade. Tal é así que en España, mentres partidos políticos ou sindicatos obreiros foron legalizados e mesmo reparados en parte os seus bens coa chegada da democracia, a masonería viuse obrigada a recorrer aos tribunais de xustiza para poder desenvolver os seus traballos con normalidade, negándoselle así incluso unha reparación, xa non material, senón moral polo desprestixio, persecución e represión sufridas polos seus integrantes durante a longa noite de pedra.

Preocupados por esta situación, un grupo de irmáns francmasóns de diferentes obediencias masónicas crearon o Instituto de Estudios Masónicos de Galicia (IEMG), agora con sé en Ourense. Entre algúns dos seus logros encóntranse a creación da Biblioteca da Masonería de Galicia, a organización dunha pequena exposición con motivo da celebración do tricentenario da fundación da masonería baixo o título de Masonería Aberta: 300 anos de librepensamento (1717-2017), ou o impulso de declaracións institucionais en recoñecemento da honorabilidade da masonería por parte de corporacións municipais como as dos concellos ourensáns de Amoeiro, Barbadás, Maside ou O Carballiño, así como do propio Parlamento de Galicia.

Pero se algunha labor merece especial recoñecemento é a intensa labor de recuperación da memoria histórica da masonería. Conscientes da importancia de dar a coñecer a labor realizada pola masonería no pasado, o IEMG dedicou importantes recursos á publicación de obras e traballos de investigación, sendo maioritarias as biografías de destacados masóns ourensáns como Juan Sieiro González -director do Instituto Provincial de Segundo Ensino a finais do século XIX, segundo tenente alcalde na corporación municipal e impulsor da Escola de Artes e Oficios da Deputación-, Manuel Suárez Castro -líder obreiro socialista e último alcalde republicano da cidade de Ourense- ou Benito Cancela Rodríguez -alcalde republicano da vila de Celanova-.

Para completar esta labor, en colaboración coa Facultade de Historia de Ourense, creou os Premios de Investigación Histórica Masonería Aberta, que na súa primeira edición tivo como gañador ao historiador Ángel Arcay cun marabilloso traballo sobre o parque do Pasatempo de Betanzos.

Hoxe a masonería está moi viva en Ourense, constituíndo un fito histórico o establecemento, o pasado 16 de marzo, da primeira loxa masónica na nosa provincia desde os funestos acontecementos de xullo de 1936, a R.L. Suevia nº 2095 que traballa baixo os auspicios da Orde Masónica Mixta Internacional O Dereito Humano.

Os seus integrantes decláranse depositarios do legado e continuadores da obra iniciada décadas atrás polos seus irmáns xa no Oriente Eterno, quen sen dúbida inspiran e alentan os seus traballos malia a importante carga de responsabilidade que implica.

Diremos, para que o lector poida facerse unha idea do tamaño da empresa, que a masonería ourensá foi fundadora da Escola Laica Neutral en 1909 e contou entre os seus membros nas sucesivas loxas que desde o século XIX se instalaron na nosa cidade (Auria nº 59, Auria nº 10, Amor nº 358, Capítulo Eleusis nº11 ou a Constancia nº 13) con persoeiros como Manuel Curros Enríquez, Eduardo Chao Fernández, Juan M. Amor Pereira, Cesáreo Rivera Abraldes, Antonio Prieto Puga (natural de Xunqueira de Ambía e que apoiou a fundación do xornal La Voz de Galicia), Antonio Rodríguez Iglesias, Arturo Vázquez Núñez, José M. García Barbón, Higinio Rodríguez Mármol, Addón Vide Villanueva ou Hipólito Sinforiano Luengo, só por citar algúns dos máis coñecidos e significativos dos masóns ourensáns.

É longo e cheo de obstáculos o camiño por percorrer, pero é firme a determinación por manter acesa a chama da masonería en Ourense, que non ten outro fin co de loitar contra a ignorancia, o fanatismo e a ambición, ou o que é o mesmo, contra calquera forma de tiranía sobre as persoas e as súas conciencias; este o seu imperdoable pecado para os inimigos das liberdades e a democracia.

 Francisco J. Quintas Ferreño é secretario do Instituto de Estudos Masónicos de Galicia e Mestre da R. L. Suevia nº 2095.