A celebración dos 50 anos do Ateneo converteuse nunha cita reivindicativa do traballo da entidade
28 mar 2019 . Actualizado a las 08:12 h.«O Ateneo pertence a esa categoría de patrimonio cultural sen o cal non se entende esta cidade. E o próximo ano, o 51, non será máis que o comezo dun esplendoroso futuro». Así o manifestou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na súa intervención do acto de celebración dos 50 anos da sociedade cultural. No Centro Cultural Marcos Valcárcel, sede provisional do Ateneo, celebrouse un emotivo encontro no que participaron persoas que durante estas décadas formaron parte da sociedade, promoveron iniciativas ou participaron nas actividades que se desenvolveron na mítica sede de A Torre ou nas realizadas nos últimos anos.
Ao comezo do encontro do Marcos Valcárcel proxectáronse imaxes históricas de exposicións, excursións, mesas redondas, as históricas partidas de xadrez e outras iniciativas. A presidenta do Ateneo, Isabel Salgado, lembrou na súa intervención que a sociedade cultural é un dos referentes ineludibles á hora de falar da historia de Ourense do último medio século. Recordou que pola sede de A Torre pasaron mostras como a do Guernica e pronunciaron conferencias intelectuais como Camilo José Cela, Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor ou Carlos Casares, entre outros, e como dende o Ateneo se lideraron movementos históricos, como o que conseguiu rexeitar o proxecto de instalar unha celulosa en Ourense. Agradeceu a presidenta o apoio do Concello e da Deputación, que foron claves para evitar a desaparición da sociedade.
O deputado provincial de Cultural, Manuel Doval, salientou o compromiso da institución provincial co sector e co Ateneo.
Saco Cid: «Os tempos empezaban a cambiar e o réxime xa amosaba que tiña fugas»
A celebración do Ateneo, que se desenvolveu baixo o lema «50 anos facendo cultura», contou coa intervención de antigos socios, a última persoa que se deu de alta na entidade, Yosi, Manuel Peña Rey, Tareixa Taboada ou Marisa Calvo, entre outros, e un amplo programa de actuacións musicais. E durante a celebración Manuel Araújo, El Chileno, pintou un cadro. Especial relevancia tivo a intervención de Juan Luis Saco Cid, o único dos asinantes da acta do 27 de marzo de 1969 que aínda pode dar fe daquela iniciativa. Lembrou Juan Luis Saco Cid que «xa houbera Ateneo nos anos 10, con Marcelo Macías, e nos 20 Otero estivera á fronte do mesmo. Cando se creou a actual sociedade os tempos empezaban a cambiar e o réxime amosaba as fugas que tiña. E promoveuse a creación dos ateneos para buscar camiños para vencer a rixidez daqueles tempos». Citou ás dezasete persoas que, xunto a el, crearon o Ateneo.