Chus Pato: «Estou enganchada a 'The Crown'»

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda REDACCIÓN / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

A escritora e académica é de resposta rápida e precisa, e cociña ideas en segundos, pero, confesa, non ten a man de Fina Casalderrey para a empanada

02 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Escritora e académica, Chus Pato (Ourense, 1955) é de resposta rápida e precisa, e cociña ideas en segundos, pero, confesa, non ten a man de Fina Casalderrey para a empanada. «Como vou facer eu unha empanada de millo? Vamos, compararme con Fina Casalderrey na cociña é comparar un elefante metido nunha cristalería cunha experta. Eu cociño porque teño que comer, pero a cociña require moita paciencia e moita adoración, e eu cociño ao tempo que pasmoneo ou fago outra cousa», asegura a poeta. Antes de comezar, xa falaramos. E previume: «Non me preguntes qué é a poesía!». Velaí unha pregunta «imposible de contestar. O único que se me ocorre en plan borde é: ‘Poesía es ti’. Ás veces dise coma quen pregunta qué é a chuvia... Pero ti pregunta, pregunta», impele. Xa que estamos en tempo de Nadal, un doce: que lle pide aos Reis? «Serenidade». Non dubida.

-Viaxe no tempo ao primeiro regalo de Reis. Unha boneca?

-Non recordo, pero si lembro un desgusto enorme, do ano en que os Reis lle trouxeron ao meu irmán unha batería e a min unha boneca que non me gustaba nada. E recordo as cabalgatas dos Reis Magos como unha das cousas máis importantes da miña vida.

-Pechamos un ano que sufriu a febre Atwood, con «El cuento de la criada» como fenómeno en serie e libro súper vendas nos Estados Unidos. Cal é a súa debilidade en streaming?

-Eu non vin El cuento de la criada; vin Alias Grace, e gustoume... Pero a serie que me enganchou foi A Coroa, The Crown.

-Xa viu a segunda tempada?

-Si, si! The Crown ten tripas e non fai dano. Eu cando consumo mercancías deste tipo o que quero é que non me mareen a cabeza. Non desexo ter pesadelos de noite! Eu Princesa por un día, directamente, nisto quero música lixeira. The Crown fai ademais como House of Cards, unha disección interesante do matrimonio. Os episodios entre a raíña e Jackie Kennedy son impagables.

Edgardo

-Libro ou libreiro de cabeceira?

-Non teño libro de cabeceira... nin libreiro. É que vivo en Lalín, o meu libreiro de cabeceira é Amazon! Hahaha.

-Terá boa letra na mesa de noite. Con que libro dorme á beira? Non será un Stephen King?

-Non, o último éxito de vendas que lin foi La memoria secreta de las hojas, de Hope Jahren, este verán. Agora estou con Ardor, de Calasso, e Welcome to Sing Sing, de Elvira Ribeiro, entre outros. Leo seguido.

-Ana Romaní ocupará na RAG a cadeira de Xohana Torres. Con ela serán sete as mulleres académicas. Cando imos deixar de contar polos dedos?

-Eu creo que imos contar polos dedos moito tempo. Creo que morrerei contando polos dedos, e non son unha persoa pesimista. Pero o patriarcado é un óso duro de roer, porque é un dos soportes do mundo no que vivimos. Que se veña iso abaixo arrastraría o mundo tal como o coñecemos.

-A poesía ten un halo, pero é algo máis ben próximo, cotián, ou non?

-A poesía ten ese halo porque é un uso da linguaxe que se achega a unha verdade. O que ocorre coa escritura do poema, que é algo bastante máis reducido que a poesía, é que vén cargada por milenios de escritura. E precisamos unha educación para entender e apreciar esa arte.

-É necesario entendelo para apreciar un poema?

-Si, eu creo que si. Se non sabes nada de pintura, dificilmente poderás chegar a entender un cadro. Co poema pasa o mesmo. En todo hai niveis, chanzos. Todo depende da intensidade do interese que ti teñas. Eu un poema adoito lelo como unhas dez veces. É un gusto meu, un pracer.

-O bo gusto dá traballo?

-Si. Non vén por ciencia infusa. Fai falta vontade. Todo se aprende e, como todo, a poesía. Aprendemos a andar, a falar, a nadar. Poucas cousas nos son dadas pola graza divina.

-Reivindica poesía nas aulas.

-Paréceme fundamental que aos nenos e aos adolescentes se lles forneza a capacidade para a poesía, ese uso da linguaxe como celebración. Os rapaces teñen ese dereito. Estar en contacto coa poesía transfórmate como persoa. Se se anula a poesía, acaba pasando factura na vida. Os seres humanos non só temos a capacidade de traballar, senón tamén de paponear... e é interesante. Cómpre mirar o teito, pasmar coa nube que pasa. A poesía capacítate para estas cousas.

-Unhas palabras que debuxen a Xohana Torres.

-Diría «navegar», é o primeiro que vén, pero hai outras palabras chamando detrás. [Pensa e volve] «O primeiro é pasar: abrirnos paso».

-Como profe de xeografía, que accidente xeográfico de Galicia escollería?

-Imos poñernos estupendas! A dorsal meridiana, que ninguén sabe o que é... É o sistema central que divide Galicia en dúas: A Cova da Serpe, a Serra da Loba, O Faro, O Farelo e O Suído. Pero son cousas que só sabemos os xeógrafos e os alumnos de segundo de bacharelato...