Rodeiro sobe ó monte

MANZANEDA

RAMÓN LEIRO

A popular Romería da Virxe, que cada ano acolle a milleiros de visitantes, celébrase mañá no Monte Faro Chegou o día da Nosa Señora do Faro. Subir ó monte o oito de Setembro é toda unha tradición para a meirande parte do Val de Camba. A subida polo camiño santo, as misas da virxe e o xantar no monte enchen o día da romería. Mentres, os que xa non teñen folgos para subir alá arriba rosman o vello dito, «Nosa Señora do Faro este ano alá non vou, por faltiña de diñeiro moita xente se quedou».

06 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O cesto co lacón, as tostadas, a bota do viño e para o monte. A Romería da virxe do Faro segue conservando o sabor das festas tradicionais. A romería empeza coa subida, porque aínda que o asfalto chega ó monte por diferentes zonas, son moitos os romeiros que aproveitan para achegarse a pé. Unha vez no monte, a tradición manda chegar á capela polo Camiño da Virxe. Un vieiro polo que, segundo a lenda baixou a santa, algúns de rodillas outros a pé, os romeiros van enchendo os arredores da capela. Pola mañá as misas da Virxe, onde ano tras ano a Nosa Señora acaba a romería co manto cheo de billetes. E xa á mediodía xantar campestre. Eso sí, máis vale que o día anterior se fora marcar o terreno senón de monte nada de nada. Cada ano aumentan o número de pulpeiros, toldos de bares, etc, pero o costume de levar o xantar da casa é algo que aínda se conserva nesta coñecida romería. No Faro somentes hai verde e máis verde. Non é unha festa con orquestas e actuacións, tampouco hai lumes de artificio. É unha romería á vella usanza, unha xuntanza familiar que resulta ineludible para case todos os cambotes. Recunchos Ningún romeiro baixa do Faro sen pasar pola fonte. Beber auga na fonte da virxe é un dos grandes mitos do Faro. Así é que botar un grolo pode ser cuestión de dúas horas de espera. E mentres pasa o día, ninguén dubida en disfrutar dun dos grandes praceres de subir ó Faro, o espectáculo de ver o val de Camba ós pés, de divisar tódolos seus recunchos dende o máis alto. Ademais, só se precisa botar unha ollada arredor para que pola retina de calquera pase dende os picos de Cabeza de Manzaneda ata os confíns de Monforte de Lemos.