«Despaciño» no castelo de Maceda

A agrupación macedá Os do Fuelle lanza a súa propia versión do popular tema de Luis Fonsi


ourense / LA VOZ

«Despacito». Imposible oír a palabra e non tararear a canción coa que Luis Fonsi está batendo todos os records que unha canción pode ter. Tamén en versións, porque non deixan de saír. A última -que saibamos- é a de Os do Fuelle. A banda de Maceda quixo facer a súa propia canción e optou por «Despaciño».

«Como case todas as cancións que se poñen de moda, vimos que era o tema do verán e decidimos que había que facer unha versión. Empezamos coa idea de facer unha letra nosa, e despois decidimos gravar un ensaio cos audios e, despois, maduramos a idea e fixemos un vídeo», explica Alberto Outeiriño, vicepresidente de Os do Fuelle. Primeiro elixiron o lugar, o castelo de Maceda, e despois decidiron enchelo de xente da vila. Participaron arredor de 40 persoas, entre eles o campión de Europa de BTT, Pablo Rodríguez, -«que é unha figura emblemática», di Outeiriño-, o chef do castelo Carlos Parra, e tamén o fillo predilecto da vila, Paco Nóvoa.

«A letra da canción vén falar de que somos un grupo con moitas ganas de festa», explica. Así que montaron unha verbena no patio do edificio medieval, ambientado con luces como nos tempos de antes.

Decidiron facer «Despaciño» porque «Amodiño» xa o colleran De Vacas. «E para non solapar -di Outeiriño-. Eu fun o que adaptei a letra e mirei que non fora incorrecto. Non é a palabra máis utilizada, pero está na normativa». Así naceu unha letra que fala de que para animarse na festa levan queixos, xamón, viño...

Di que é a primeira vez que deciden facer unha versión propia dun tema que o está petando. «Nós tocamos música tradicional galega; isto foi unha novidade. Adaptámola e fixémola en galego, metemos o noso toque, vai moito máis lenta e queda cun ritmillo bastante bailable», explica o músico.

Colgado en Youtube, o vídeo está tendo un lote de reproducións. «O primeiro día tivo 2000 visitas, e en menos dunha semana levaba 4000», conta sen ocultar certa fachenda.

Desde 2012

Os do Fuelle é unha agrupación musical creada no 2012. Naceu do xerme da escola municipal de música de Maceda. «Algúns dos alumnos decidíronse agrupar porque ían de ceas e cantar en pequenos ambientes, e ao final crearon o grupo», recorda Outeiriño. O nome, di, vén porque a maioría son acordeóns. De aí o do fuelle. Son un grupo de arredor de 40 membros, pero nas actuacións sempre hai algún menos. Nun grupo tan grande, onde non son profesionais (todos teñen outros oficios), cando un non está traballando hai outro enfermo. Xuntalos a todos non é cousa fácil, recoñece o vicepresidente de agrupación.

Tito González é o director musical do grupo, e tamén o da escola municipal. El fixo a adaptación musical e Outeiriño adaptou a letra e ideou o vídeo, no que se poden ver bonitas imaxes aéreas grazas a que tiveron a colaboración dunha persoa que lles deixou un dron.

¿Outra idea xa na cabeza? «A día de hoxe non, pero se gusta como esperamos...», deixa caer Outeiriño. E acaba por dicir: «Se á xente lle gusta, faremos algunha máis».

Concertos

Días atrás volveron repetir éxito en Maceda. Xogaban na casa e o pobo respondeu, animándose a cantar con eles desde o primeiro acorde, tal e como levan difundido a través das redes sociais. A finais de agosto tocarán en Esgos, e xa o 24 de setembro teñen data confirmada na romaría de Santa Minia en Brión (cerca de Compostela). «Chamáronnos para algunha festa máis, como o día 15 en Viana do Bolo, pero non podemos. Somos un grupo afeccionado, todos temos o noso traballo e non nos dedicamos a gañar diñeiro como unha orquestra. E no verán é complicado xuntarnos, porque a xente está de vacacións, ten a familia, hai festas na casa...», explica.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Despaciño» no castelo de Maceda