Pregunta


Hai lugares en Galicia con moito encanto que foron tratados con respecto e criterio segundo foi pasando o tempo. Lugares que mantiveron a súa estrutura e identidade histórica, sobre todo desde hai 70 anos para aquí, que foi cando a nosa terra comezou un cambio de fisionomía dramático e alarmante debido ao desastre arquitectónico propiciado por unhas leis laxas ou inexistentes que fixeron que cidades, vilas, aldeas e lugares perderan boa parte da súa identidade e se tornasen en case que irrecoñecibles respecto a como eran. Certo é que hai excepcións en diferentes puntos da nosa xeografía que aínda a manteñen, e outros que teñen a oportunidade de recuperala facendo as cousas dende o respecto e o agarimo. E veume isto á cabeza paseando por Allariz, por Xunqueira de Ambía ou Esgos, no interior da provincia ourensá, lugares que manteñen boa parte da súa estrutura histórica e van medrando con harmonía e en función dos seu núcleos antigos. Hai moitos máis exemplos, case imposibles de citar na súa totalidade nun texto tan pequeno coma este, pero como bo observador e coleccionista de fotografía antiga chámame poderosamente a atención como eran as cidades, aldeas, vilas e lugares galegos na primeira metade do século XX e o que son na actualidade. Certamente, en verdade, se se ten aprecio pola terra encóllese tristeiramente o corazón. A dexeneración arquitectónica e a falta de respecto, xunto coa ausencia de criterio, foi —e aínda é— brutal, tornándose alarmante en moitos lugares, principalmente da costa, feito que convida a pensar en que puido pasar para que todo evolucionase tan negativamente. Núcleos como Ribadeo, O Barqueiro, Redes, Mugardos, Corcubión, Muros ou Combarro poden ser algúns exemplos de vilas costeiras galegas onde se mantivo boa parte do encanto histórico respectando, igual que se fai en moitos outros lugares de Europa, a identidade e os estilos propios. E a miña pregunta é: cal é o motivo de semellante desfeita tan acelerada e brutal neste que podería ser un dos enclaves máis fermosos da Europa atlántica? As respostas poden ser moi variadas, e seguramente tamén moi tristes.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Pregunta