Curros Enríquez inundará Celanova de emocións

La Voz

CELANOVA

cedida

A Banda de Música lidera unha iniciativa na que se involucra activamente a todos os veciños e asociacións da vila

09 sep 2021 . Actualizado a las 18:51 h.

O día 15 de setembro celébrase o 170 aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez e a vila de Celanova converterase esta fin de semana nun gran escenario en recordo ó poeta. Da man da Banda de Música levarase a cabo, dende mañá ata o domingo, o proxecto «Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez», no que colaboran o Concello, a fundación que leva o seu nome, os comerciantes, artistas e veciños. Ese é un dos obxectivos da iniciativa: que a vila respire a Curros coma algo propio.

O fío condutor é una composición musical para banda, coro e cantantes solistas acompañados dun narrador, gaita e baile galego elaborada expresamente para o proxecto polo director e compositor local Manuel Alejandro López Pérez. Esta obra describirá de un xeito sonoro as emocións expresadas por Manuel Curros Enríquez nunha selección de poemas recollidos do poemario Aires da miña terra, con textos do escritor de Celanova Baldo Ramos. Así, únense dende unha visión actual dúas manifestacións artísticas ligadas á historia de Celanova: a literatura e a música. O concerto será no claustro barroco do Mosteiro de San Salvador o sábado ás 18.00 horas e participan a coral Polifónica Solpor, Coral da Bola, coro parroquial Iuvenes et Pueri cantores, veciños da vila que se animaron a colaborar e o grupo Rebulir Cultura Tradicional.

Pero «Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez» é moito máis. Mañá, ás 18.00 horas na Casa dos Poetas, terá lugar o acto de apertura do proxecto, cun coloquio sobre a relación de Curros cosa artes escénicas. O sábado ás 10.00 horas será a quenda dos nenos da vila no mesmo espazo. O artista Baldomero Moreiras será o encargado de axudar ós rapaces coas manualidades. Unha hora máis tarde volverán as charlas, neste caso sobre a obra do escritor. E xa pola tarde, no claustro barroco terá lugar o acto principal do proxecto. O domingo celebrarase unha andaina músico-literaria. A partires das nove da mañá, os participantes percorrerán espazos da vila que aparecen na obra de Curros Enríquez. No centro de Celanova, en Vilanova, en O Cristal e en Penalta haberá paradas onde se lembrarán os poemas nos que se referencian estes lugares e haberá unha actuación musical. O acto de clausura será no auditorio ás 20.00 horas. O proxecto conta co apoio da Xunta, dentro do Portal da Lingua Galega a través dos fondos de proxectos culturais do Xacobeo 2021-2022.

Mercado de artesanía e libros, xincana e concurso de pinchos

De forma paralela ós actos estritamente culturais, «Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez» inclúe outro tipo de iniciativas. Unha delas terá lugar o sábado. De 9.30 a 21.00 horas haberá un mercadillo na Alameda da vila. Alí, veciños e visitantes poderán atopar libros e todo tipo de artesanía.

Ademáis, haberá animación de rúa coa presenza de varias charangas, bandas de gaitas e espectáculos de malabares. Dende a organización esperan que a meteoroloxía permita a súa celebración. O sábado pola mañá, os nenos terán a oportunidade de participar nunha xincana polas rúas da vila. No proxecto tamén participa a hostalaría. De venres a domingo, os locais prepararán pinchos a dous euros e os que consuman cinco poderán cubrir una papeleta para entrar no sorteo de 500 euros para gastar no comercio local. A iniciativa é da asociación de empresarios celanoveses, CHEA.