Cartelle inaugura as festas do verán

M. r. v.

CELANOVA

Antonio Cortés

Coa romaría das Maravillas comeza a temporada de festexos na Terra de Celanova

02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas das Maravillas inauguran a temporada case estival de festas na Terra de Celanova. Esta fin de semana, o campo desta localidade do municipio de Cartelle encherase de visitantes, atraídos polo amplo espazo no que se pode gozar da gastronomía popular galega, de variadas atraccións para nenos, mozos e maiores e de moitos postos de venda dos produtos típicos das romarías e festas tradicionais. Unha brigada municipal xa se encargou na última semana de preparar o terreo.

Levamos xa unhas semanas de celebracións marianas e a da Nosa Señora das Marabillas e unha das máis seguidas na contorna. O campo da festa, situado moi preto da OU-540, permite desenvolver unha celebración con todos os ingredientes. Sábado e domingo haberá animadas verbenas previas ao día da romaría, o luns, que a pesares de ser día laborable, adoita atraer a moitos residentes de Cartelle, A Merca, Celanova e arredores. Este ano, a música póñena as orquestras Essencia e 3.com, que actúan o sábado, Graffiti, que sube ao escenario como prato forte do domingo e Nevada, que pon o broche na noite do luns.

O domingo pola mañá haberá unha procesión, aínda que a principal sairá pola tarde, aí polas seis, levando á Nosa Señora das Marabillas desde a súa igrexa ata o pobo de Agualevada. Pendóns feitos con bolas de cores danlle singularidade a esta comitiva, na que a banda de música municipal de Celanova se encargará do acompañamento musical na procesión e na sesión vermú.

O luns repetirase o programa, con procesión e misa solemne. Será a charanga BCB quen toque á mañá, mentres que no serán e de noite rematará a festa con verbena. A comisión de festas aínda traballa na contratación de algún grupo máis para o domingo e o luns se son quen de completar a recadación entre os feirantes que se colocan no campo.