Isidora Gil, coordinadora da biblioteca do IES de Celanova: «Prestar libros non é a función principal hoxe, nin moitísimo menos»

m. g. ourense / la voz

CELANOVA

15 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No corazón mesmo dos clubs de lectura están as bibliotecas escolares, presentes en todos os centros educativos e, en ocasións, auténticos motores culturais e de animación. A do instituto de Celanova, no claustro do Poleiro do mosteiro, é unha xoia histórica que mira cara ao futuro. A súa coordinadora é a profesora Isidora Gil.

-¿Que papel xoga a biblioteca nun centro?

-O fundamental é que sexa un centro de recursos, servir de base para que todo o que se necesite para traballos por proxectos ou actividades de todo tipo estea aí. Na biblioteca entran libros como toda a vida, pero tamén cine a tope e todo tipo de recursos para formación documental, formación de usuarios de documentación, animación á lectura... Hoxe o ensino xa non é, ou non debería ser, chapatorio, libro, exame, senón saber buscar toda a información que temos á nosa man, tanto en libros como na rede.

-¿Como se organiza a súa xestión nos centros?

-Constitúese un grupo de profesores, con formación máis ou menos específica. Eu, por exemplo, levo dez anos e xa teño a formación toda que nos dan pero, cando empecei, nada; son licenciada en Historia e nin por casualidade sabía por onde empezar a ordenar un libro. No noso caso somos cinco e dedicamos unhas horas a esa tarefa, decidir que se compra, que se publica na web, que actividades facemos. Temos un blog e un proxecto temático cada ano, este ano é o cine, en torno ao que traballamos por proxectos.

-¿Todos?

-Só os que traballan por proxectos. Ese é un dos fins da biblioteca: cambiar as metodoloxías e convertelas en busca e elaboración, que o ensino deixe de ser memorístico e repetitivo e pase a ser baseado nos datos e na información. Unha biblioteca non está só para prestar libros e hoxe non é a súa función principal nin moitísimo menos; é facilitar recursos, que non é só libros. Temos 6 puntos de acceso a internet fixo e temos wifi para máis enganches para que os estudantes veñan traballar aquí. Abrimos tres tardes á semana para o público en xeral.

-¿Perderá a batalla o papel?

-A lectura literaria, como pracer ou entretemento, segue moi ligada ao papel. En xeral, todo o mundo, se pode, le en papel. En cambio, a lectura informativa e formativa practicamente non se usa en papel. Hoxe unha enciclopedia, un libro de ciencias, un repertorio de problemas en papel... existir existe, porque temos un fondo moi grande, máis de 25.000 recursos de todo tipo, pero, salvo o literario, o outro vai todo pola rede. Incluso estamos pensando en sacar fisicamente eses volumes de enciclopedia fóra da biblioteca porque non teñen uso. Música e cine teñen moito uso, e o pouco de videoxogos que temos, tamén.

-¿Anima a ler unha biblioteca como a do instituto de Celanova?

-Queremos pensar que si. Ten en contra que, ao revés do que se fai hoxe coas salas de lectura, non ten luz natural pero, en canto a traballar, o ambiente axuda porque é un sitio cálido.