Este mediodía no mosteiro de Celanova quedará constituída a Irmandade Xurídica Galega, unha entidade promovida dende a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia e que pretende recoñecer o labor a favor do galego de todas as instancias da profesión xurídica galega.
Ademais da cerimonia de constitución, na que se entregarán as togas de honra a vinte persoeiros da vida legal galega, unha das primeiras actividades que acometerá esta nova irmandade como tal será visitar a casa de Curros Enríquez para render homenaxe ao poeta. Os togados realizarán un paseo de honra entre o mosteiro e a casa. Esta irmandade irá recoñecendo cada ano os méritos na defensa da lingua galega e promovendo o uso deste idioma en todos os ámbitos da Xustiza. A irmandade estará formada por xuíces, fiscais, avogados e demais persoal ligados a administración de xustiza.