ANACOS | O |
31 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.CADA cousa ten un tempo e unhas condicións necesarias para poder desenvolverse. Por veces, iso non é así. En Bande organizouse hai anos unha merecida homenaxe a quen aínda hoxe é un referente para os músicos deste país e para todos aqueles que miran para a tradición como o alicerce das novas propostas. Daquela o legado e o nome de Faustino Santalices quedou para sempre vencellado á historia do seu pobo, como xa o estaba á historia da música de Galicia, con un lugar de honra máis que merecido. Dende hai tempo, moito tempo, Bande ten unha eiva que non da superado. E, todo hai que dicilo, non se daban as circunstancias políticas axeitadas para facelo. A Bande regresa cada verán para disfrutar da súa vila ata o outono un dos persoeiros vivos que aínda garda memoria, e moi boa por certo, dun tempo de ilusións e ideais no que se traballaba para lograr aquela alba de gloria para Galicia. Elixio Rodríguez, galeguista, republicano, preso por defender a legalidade constitucional nese cárcere de Celanova que exportaba morte camiño do Furriolo -onde ían ás claudias os republicanos-, condeado a tirarlle a vida polos dous bandos na guerra civil, aviador fuxido da gadaña -«o home que lhe fez dous manguitos (cortes de manga) á pena de morte» como titulaba un xornal portugués-, legatario das mocidades galeguistas e activista no exilio mexicano, entre outros moitos argumentos, ten méritos máis que suficientes -de lonxe- para que a súa vila lle recoñeza toda unha vida exemplar de traballo a prol de Galicia. Agora que en Bande mudaron o esceario político no que se desenvolvía a vida municipal desde hai décadas, quizás alguien debería reparar en que hai un home de noventa e moitos anos co que Galicia está en débeda e a quen todos temos moito que agradecer.