Cando o Roi e o Xabi teñan que afrontar esa sádica imposición administrativa que é o trámite burocrático trala morte dun pai, van levar unha sorpresa. Estou convencida de que a nome de Francisco García Suárez ninguén vai emitir un certificado de defunción. A nome de Paco só é posible obter certificados de vida.
Francisco García Suárez foi o Paco do Bloque, Paco alcalde e Paco García, pero alá, na cerna, foi sempre o Paco de Vilaboa, o fillo da Pepa.
Disque morreu e eu créoo porque moi ben de saúde non andaba e xa se sabe que aquí non vai quedar ninguén. Pero créoo, máis que nada, porque xa deixou escrito Marcial Suárez no Acomodador que a Allariz só lle faltaba morrer para ser, profunda e enteiramente, humano. Coñecendo ao Paco, é fácil que morrera como clímax da súa humanidade. Creo, entón, que o Paco algo morreu, pero o que xa me custa máis crer é que chegue a morrer de verdade.
E non porque sexa un político deses de honradez 24/365, de compromiso inquebrantable e inquebrantado dende a mocidade; un deses tipos raros que non buscan máis galóns que a coherencia e o traballo, sexa no poder ou na irrelevancia. (Por certo, precisamente neste momento, que ninguén me veña con que todos os políticos son iguais!).
Eu penso que non morreu de verdade porque é inaceptable que o seu vitalismo e a súa bondade morran. E o Paco de Vilaboa, un dos homes máis cariñosos do mundo e, sen dúbida, o que máis e mellor se emocionaba nun discurso, nunca deixará de ser unha idea, un concepto: o de home bo. Será sempre a imaxe dunha persoa de xenerosidade e fartura, ética e material, dende o principio ata o final da vida.
O Paco tiña defectos que eran virtudes. Como nos quentaba a cabeza para convencernos dalgún proxecto ou idea! Púñalle tanta paixón —e aí está o mérito— que a súa voz, decotío ronca, ía desaparecendo ata facerse inaudible. Que inalcanzable e agotador para o común dos mortais o seu ímpeto!, que insaciable o seu apetito por encher a vida de acción social, por falar ata a extenuación, si, pero, sobre todo, por actuar! Por actuar para transformar a sociedade.
O Paco de Vilaboa non só era xeneroso dando; era xeneroso recibindo. Se escoitaba: Grazas, Paco, por aguantar tantos anos, toda a vida traballando, incansable, en primeira liña, el respostaba: Non, grazas a vós, que estades sempre detrás, apoiando, porque iso é o realmente importante: non camiñar só.
E, aínda que non fose certo, senón un xesto máis da súa xenerosidade, o compromiso dos que quedamos segue incólume: Aquí estamos, Paco, detrás, sostendo. E agradecendo sempre, non só o exemplo da túa vida, senón que nos deixaras dúas palabras que ninguén, en Allariz, poderá xa disociar de ti: Ánimo e adiante!
O Paco en estado puro.