Seis espazos case esquecidos de Ourense

Sustinea ofrece aos lectores de La Voz unha ruta por lugares únicos da provincia


SUSTINEA

Afortunada! É o que me digo cada noite, ao deitarme, pensando na sorte que teño de poder descubrir, contemplar e coñecer a creación máis importante que existe, sen ningún tipo de intervención humana, a natureza. Un patrimonio co que a Terra nos agasalla sen pedirnos nada a cambio, máis que o compromiso da súa conservación. Debido ao meu traballo a través de Sustinea, estou en contacto diario con moitas persoas e doume conta de que a maioría da poboación ourensá descoñece gran parte dese patrimonio natural que ten a nosa provincia. Un Ourense verde, con paisaxes incribles, árbores senlleiras, bosques únicos, espazos de gran valor para a biodiversidade, que dan forma a nosa identidade. Esta falta de coñecemento impide moito a acción de protección por parte da cidadanía, xa que o que non se coñece non se pode protexer. Parte da miña labor é facer consciente á sociedade de que si temos a sorte de contar con espazos naturais protexidos en Ourense é porque neles atópanse elementos dignos de conservar desde o punto de vista da biodiversidade e dos ámbitos social e cultural que neles, como lugares con presenza do ser humano, conviven.

En xeral, o patrimonio natural máis coñecido son os parques naturais, pero en Ourense temos unha lista con moitos lugares aos que facer mención. Espazos de relevancia ambiental, esquecidos pola cidadanía e polas administracións, pero igual de importantes que os demais. Poderíamos facer mención a moitos, pero neste caso falaremos de seis recunchos únicos do noso territorio que sempre resulta un pracer descubrir, que vos axudará a facervos unha idea da riqueza coa que conta a nosa provincia. Preparade a mochila para adentarvos na herdanza natural da nosa terra.

Unha viaxe pola beleza natural

Comezamos esta viaxe na comarca do Ribeiro, concretamente entre os concellos de Leiro, Carballeda de Avia e Avión, visitando o monumento natural de Pena Corneira. Nel destaca un penedo vertical e alongado, ao que algúns se refiren como «o menhir do Ribeiro». Conta cuns 675 metros, e moitos o comparan coa silueta dun unicornio, e é que o corno que o coroa álzase uns 10 metros en vertical e provoca que poida contemplarse desde a maioría dos puntos do val, elevándose sobre un dos espazos naturais protexidos máis extensos, fascinantes e descoñecidos de Galicia. Un territorio de inmensos bolos graníticos que emerxen entre carballos, musgo e fentos semellando ovos prehistóricos fosilizados. Unha terra que respira historia, salpicada de pequenas igrexas románicas e espazos etnográficos de indubidable interese.

E coma se dunha folla se tratase, deixámonos levar ata o noso próximo destino, a Saínza, en Rairiz de Veiga, gozando da maxustosidade da Carballa da Rocha, que se atopa dentro da Reserva da Biosfera Área de Allariz. En Galicia coñéceselles como carballos, e cando alcanzan unha idade elevada, cun tronco ancho e gran copa, o nome adopta o feminino, transformándose en carballa. A Carballa da Rocha é un exemplar espectacular cuxo tronco rolda os 7 metros de perímetro con ramas que superan os 30 metros de altura. Ademais de monumento natural, tamén foi catalogada como Árbore Senlleira do catálogo galego.

E entre árbores, seguimos viaxando, ata chegar ao Souto de Rozabales, na parroquia de San

Martiño de Arriba, na comarca das Terras de Trives, Manzaneda. De novo as árbores son protagonistas doutro monumento natural galego, nesta ocasión, falamos de castiñeiros. Nel poderemos adentarnos nun souto de árbores centenarias entre as que destaca o castiñeiro de Pumbariños. Dise que cando se descubriu América, este xa contaba con varios séculos ás súas costas. Así é que forma parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Continuamos o noso traxecto visitando O Courel, co poder cativador do Río Lor, que percorre O Courel de norte a sur, ese do que Novoneyra escribía «vendo i ouvindo ou río, vaise o tempo sin sentilo», versos que fan referencia ao paso do tempo sen apenas darnos conta ao contemplar a beleza do seu leito e escoitar o son da auga ao pasar, nunha paraxe onde a natureza alcanza o seu máximo esplendor. Nos días de outono é un pracer camiñar seguindo o transcurso do río ata chegar a Froxán, aldea declarada pola Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC), lugar de especial interese etnográfico e fogar da sobreira mediterránea.

Serra de San Mamede

E por montañas seguimos ata chegar ao Bidueiral de Montederramo, o bosque de bidueiros máis meridional de Europa. 250 hectáreas de espazo natural na cara norte da Serra de San Mamede, na parroquia de Gabín. Un espazo declarado como Zona de Especial Protección dos Valores

Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Por se isto fose pouco, está incluído, ademais, dentro da Rede Natura 2000. O paseo sobre estes camiños de terra é unha experiencia que hai que sentir, vivir e interiorizar.

Podemos facer a ruta chamada do Bidueiral de Gabín e subir ata o Pico de San Mamede. Son vinte e dous quilómetros, pero unha vez arriba asegúroche que te alegrarás de haber vido. Respira e goza da paisaxe do corazón de Ourense e déixate levar a un novo destino, o Teixedal de Casaio, o bosque perdido situado en Carballeda de

Valdeorras. O de teixos que queda en Galicia e o mellor conservado da península ibérica. Son unha das especies arbóreas máis lonxevas, pois poden alcanzar o dous mil anos de idade e fálase de exemplares que excederon os tres mil. A idea de que este bosque xa estaba aquí cando Colón descubriu América, cando os romanos conquistaron Gallaecia, cando os nosos antepasados levantaban dolmens e moito antes de que os seres humanos alcanzaran0 estas paraxes, faravos sentir no paraíso.

E poderíamos seguir falando de fragas, devesas, aciñeiras e un longo etcétera, polo que vos convido a coñecer o patrimonio esquecido da nosa provincia, que vos fará sorrir pola paz que se apropiará do voso corpo nada máis deixar atrás o bulicio, mudándoo pola reconexión coa nosa esencia. Vale a pena respirar fondo, reter o vento con cheiro a verde nos nosos pulmóns. Son espazos para gozar en calquera época do ano, lugares ao que sempre quererás volver cando busques beleza e serenidade. Algo noso, que debemos conservar como sinal da nosa identidade.

Non os esquezas!

Quen somos?

Sustinea é unha asociación que traballa en prol ao desenvolvemento sostible a través de proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano leva a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental, campos de traballo ou campañas de sensibilización.

Máis información www.sustinea.com

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Seis espazos case esquecidos de Ourense