De cine


Di aquí, tal que á volta na sección de hemeroteca, que hai trinta e cinco anos se recollía nos medios de comunicación o importante éxito de público -coa sala ateigada de espectadores- da xornada inaugural da primeira edición da Semana de Cine de O Barco. Un proxecto audiovisual que botaba a andar e que, polas informacións publicadas ao longo dos seguintes días -celebrouse do 5 ao 11 de setembro de 1983-, esgotou as entradas ás proxeccións na maior parte das xornadas e acolleu no día da súa clausura un encontro do movemento cineclubista -daquela un vizoso sector- no que se consensuaron os alicerces do que sería a futura Federación de Cineclubs de Galicia.

A provincia de Ourense mantén proxectos audiovisuais históricos -O Barco e O Carballiño levan dende aqueles primeiros 80 coa Semana de Cine e as Xociviga- xunto a iniciativas chamadas a ser un referente en Galicia -como o OUFF, que logo de rexurdir volveu ao posto de saída, facendo valer de novo o seu espíritu de Sísifo de cine- e a novas propostas: Verín acolle dende hai uns poucos anos o FIC (Festival Internacional de Curtas), Allariz encetou onte a primeira edición do seu RIR (comedia) e Riós leva máis dunha década co seu proxecto.

Con todo, Ourense segue sen ser unha referencia para o sector e -fóra do OUFF- non hai nada comparable a Cans, Bueu, A Guarda e outras citas semellantes que se dan por Galicia adiante. Obviamente xa non digamos en relación á oferta que hai nas cidades.

Ao mellor vai sendo hora de unir forzas, como fixo Pontevedra cos festivais de música, para non seguir a esmorecer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

De cine