DIARIO DE AURIA | O |

29 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

PARECE que non existen, pero están, son e parecen. Ás veces, hai que dicilo, tamén perecen. De inanición, de olvido, de displicencia. De falta de amor, en suma. Porque os escritores, din a miúdo, escriben para que os queiran. Un pouco. Minimamente. Pero que os queiran. Especialmente os que non son pábulo dos diarios babélicos: Madrid, suplementos, cultura centrípeta. As periferias non existen. Ou existen, pero apenas. Cada comunidade histórica (cada nación, digo), que son tres, ten unha cota de mercado na cultura da metrópole. Un escritor vasco, un catalán, un galego. Dous, como moito. Sen embargo elas e eles existen, están, parecen. Reúnense estes días en Auria e Allariz. Falan, miran faíscas de luz nos ollos. Luz que é esperanza, candor de tempos mellores, Comala, a fraga de Esmelle, o arco da vella petando sinfonías no abismo da ficción. GALEUSCA é unha lección constante en medio da senrazón destes tempos que borran á literatura e os seus significados: artísticos, sociais, éticos. Agora, que o escritor perdeu prestixio e función pública, ai, convén arrimarse aos recantos de Hispania fecunda: Euskadi, Cataluña e Galiza. Teño para min a certeza de que a literatura, en España, é un asunto de periferias. Por fortuna.