Tentando volver á normalidade en tempos nada normais

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

A PEROXA

José Manuel Rodríguez e Germán Crespo non se vían dende marzo
José Manuel Rodríguez e Germán Crespo non se vían dende marzo MIGUEL VILLAR

As residencias da Fundación San Rosendo retoman as visitas aos internos dos seus centros

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de setenta días despois de que o último familiar dun interno estivese de visita no centro, a residencia Nosa Señora da Saúde da Peroxa abría de novo as portas para comezar o camiño de volta a unha normalidade que non ten data, mais que se desexa ver convertida en realidade axiña.

Covid-19 é unha ameaza real, que non descansa, e as medidas de prevención son moitas e necesarias; o protocolo manda. É preciso solicitar cita e só pode facer a visita a persoa que figura como contacto do residente. Quen desexe acceder á quenda de encontros debe facer declaración de non ter a enfermidade e, antes de entrar, ten que asinar a mesma. Á hora concertada José Manuel Rodríguez Rey está na rampla de acceso á residencia da Fundación San Rosendo coas medidas de prevención esixidas: luvas, máscara e pantalla de protección. Ao tempo que lle dan xel para desinfectar as mans e asina a declaración os residentes miran curiosos ao grupo de xente que está na entrada e Bruce -o can que campa polo edificio e os acompaña nos paseos- faise notar. No centro habilitaron un espazo xusto na entrada para evitar a circulación polo edificio.

Dende o 12 de marzo non había visitas á residencia de A Peroxa e José Manuel Rodríguez Rey comeza a conversar con Germán Crespo Fernández, o seu sogro. Pregúntalle pola súa saúde -«como está? como se atopa?»- e tenta enxergar unha reciprocidade que non chega falando de como foi o cabodano da súa muller e dando novas do mesmo.

Os silencios gañan ás palabras e Germán, ao que lle sorprende ver tanta xente e actividade, está na cadeira de rodas cos ollos pechos por momentos. Logo dunha dura vida no pobo -«traballou o campo e tivo vacas»- hai un ano que ingresou na residencia. Foi logo da morte da súa filla, a muller de José Manuel Rodríguez.

«Foi moi duro, para min e para el -xa que viviron toda a vida xuntos-, e o pobre xa está maior, ten 93 anos, e dóenlle os xeonllos. Estaba mellor a última vez que o vin, en marzo, e agardo que agora que se normaliza a situación se vaia recuperando», sinala o xenro de Germán.

Na residencia Nosa Señora da Saúde da Peroxa hai 54 internos, antes eran 58 pero houbo falecementos por causas naturais e o estado de alarma paralizou novos ingresos, e as visitas teñen 45 minutos para estar cos seus familiares. Non hai moita demanda, o que dende a dirección do centro apuntan como unha situación lóxica por ser en moitos casos xente que vive fóra. Tamén hai quen vai aprazar a visita, como medida preventiva.