O Pazo provincial non é un castelo feudal

Noela Blanco OLLADAS DE OURENSE

A PEROXA

05 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Transcorreron dez días dende que coñecéramos a denuncia dunha muller ao presidente da Deputación de Ourense, por presuntamente ofrecer traballo a cambio de sexo. Durante este tempo vimos ao presidente da Xunta axeonllarse ante o barón ourensán para darlle con actitudes machistas a volta á tortilla, convertendo á vítima en verdugo, transformándoa nunha especie de demo que tentou apoderarse do bo de Baltar que finalmente, como se se sometera a un exorcismo, se libraba do mal para voltar a ter esa «alma pura» que todos coñecemos. Un Feijoo que, ante o trompazo que se pronostica que vai a sofrir o PP nas próximas eleccións xerais, necesita máis que nunca ter uns bos resultados para asegurarse un billete de ida a Madrid, e que se esperta dende hai uns días amedrentado pola posibilidade de que, como ocorrese no 2004, o baltarismo volva a amotinarse nun piso ou a lanzarlle calquera tipo de pulso que lle torza ao de Os Peares o desembarco na capital.

Baixo o paraugas da dirección autonómica do seu partido e coa dirección nacional mirando cara outro lado, resisten empuñando as armas da prepotencia e dos golpes no peito Baltar e os seus. Este martes ausentábanse do pleno convocado no Pazo Provincial para reprobar ao presidente, xustificando a súa non asistencia ao mesmo cun escrito no que calificaban a actitude da oposición como «unha miserable, ruín e rastreira pantonimia política», e de «tentar gañar votos con nauseabundas artimañas», insultos que ían acompañados dun vídeo que o propio Baltar colgaba nas redes sociais para mostrarnos que á mesma hora á que estaba citado para rendir contas, el inventara un acto de escapismo en Vilamarín. Unha actitude coa que non soamente amosa unha cobardía sen precedentes, senón un desprezo absoluto á institución que preside, e a todos os ourensáns e ourensás. A estas alturas, alguén debería recordarlle que en Ourense non hai vasallos, senón cidadáns, e que él é o presidente no Pazo Provincial, non o señor dun castelo feudal. Non podo imaxinar un esperpento destas dimensións en calquer país da nosa contorna, onde nos últimos anos temos visto dimitir a mandatarios por copiar un parágrafo dunha tese doutoral. Debe ser porque Ourense segue sendo un sitio distinto.