Onte abrín o meu buzón e atopei unha sorpresa. Non había facturas nin correspondencia perdida nin publicidade. So unha carta que me escribira un concelleiro desta cidade. A carta estaba escrita en castelán, pola cara, e en galego, pola cruz. A única pena é que non estaba asinada. Polo menos non aparecía enriba do nome do benemérito concelleiro ningunha rúbrica. Alguén dirá que iso é normal porque está asinada electronicamente. Pero non é o mesmo, porque por moito que apareza a sinatura electrónica nunha beira da carta, perde toda a gracia.
Aínda lembro a felicidade dunha veciña do meu pobo en Vilaboa, cando contaba que Manuel Fraga lle enviara unha carta asinada do seu puño e letra pedíndolle o voto. Daquela non se usaba internet, e o marketing político era só unha cousa que se vía nas películas americanas, así que ninguén lle podía quitar a ilusión a esa señoriña de que un home que ata fora ministro con Franco se molestase en mandarlle unha carta á súa casa.
O caso é que o noso concelleiro mandaba unha carta na que explicaba que o Concello de Ourense e Ecovidrio ían facer unha campaña para que a xente recicle máis botellas de cristal. Nese momento xusto, sentín un pouco de pena ao decatarme que a carta non era para min se non para toda a veciñanza, o que xa debía sospeitar porque encabezaba en castelán con apreciado/a vecino/a. O que pasa é que como eu a lin en galego so puña prezado veciño, e confundinme.
A dúbida que teño agora é se a carta mandáronlla a todo o mundo. E por iso me daba pena o concelleiro. Non porque o acusaran de condución temeraria. Se isto lle pasou a un presidente dunha deputación e un maxistrado do Tribunal Constitucional, pode pasarlle a calquera. Digo que me daba pena porque esta é unha campaña que van a facer polas rúas de Ourense, e tendo en conta como está Ourense vai ser difícil que a reciban ben. Se vives na avenida de Portugal, en Pena Trevinca, ou Alejandro Pedrosa a verdade é que como vaias dicindo que ves do Concello, ata te poden botar unha bronca. A xente está cansa de aturar problemas como para que lle anden tocando os vidros con iso de reciclar.
Ourense non recicla tanto como debéramos e iso para alguén é un problema polo que tiveron unha idea para convencernos: empregar intelixencia artificial para facer unha campaña para concienciar. Eu creo que son moi optimistas porque se xa hai problemas coa intelixencia natural aquí, como para facer unha campaña con intelixencia artificial para dar información nas casas. Interesante sería facer o que se fai noutros países, que te pagan por reciclar as latas de cervexa ou as botellas de vidro. Así si que se recicla. Lembro eses amigos que marcharon a Alemaña e volvían emocionados porque devolvendo as latas e os vidros sacaban diñeiro gratis. Aquí no noso país, como amosa esa carta que recibín, todo é máis divertido. A empresa formada por todas as empresas que se dedican a embotellar viño, cervexa e alcohol, gasta miles de euros para campañas de publicidade para convencerte a ti de que recicles gratis para que elas teñan o beneficio.
Coido que temos que darlle unha volta a algunhas cousas da modernidade que nos tocan preto. Todos vivimos aparentemente na mesma realidade, pero non é exactamente así. Celebramos o 8M por razóns obvias e algúns o negan porque din que as mulleres non son discriminadas. Celebramos Semana Santa e criticamos o Ramadán. Criticamos o Ramadán e queremos que o día de san Xosé sexa festivo, pero o 8M non.
Entrementres, observamos con incredulidade o que está acontecendo nos cemiterios de provincia onde hai unha vaga de roubo de cristos, de crucifixos, que se está estendo. Profanar tumbas é máis propio dunha sociedade distópica que dun mundo civilizado. Pero por que acontece que hai xente que está roubando nos cemiterios? Por que lles gusta reciclar e gañar diñeiro gratis? Por que son ateos? Non. É como a carta do concelleiro: é o mercado, amigo. Como dixera Rodrigo Rato naquela comisión de investigación. E vale tanto para o mercado económico como para o mercado político.
É o que hai, por iso a próxima semana falarei do limón galego, e tamén claro, de Gonzalo Jácome.