Catro veciñas de Laza crean o grupo Kuartetas en pleno rexurdir das foliadas na comarca
OURENSE
Silvia, Celi, Noa e Uxía xuntaron a súa paixón pola música tradicional galega e o seu compromiso co rural
26 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A comarca de Monterrei está a vivir un rexurdir da música tradicional entre as novas xeracións. As foliadas volven ser un momento de reunión e catro das súas veciñas queren asegurar que non falte quen poida tocar. Silvia Castro, Celi Blanco, Noa Carrera e Uxía Lamas son as compoñentes do grupo As Kuartetas de Laza, que dende o pasado verán regalan sons populares en festas e tamén a pé de rúa. «O que máis nos une é dar cultura no rural e cuns valores feministas, esa é a marca de identidade do noso grupo», explica Noa. As músicas son de diferentes localidades de Laza, Verín ou Castrelo do Val, aínda que non todas viven na provincia de Ourense. Están vinculadas aos instrumentos populares dende novas, aprendendo en asociacións ou agrupacións de varias partes de Galicia. Eses coñecementos xuntáronse por primeira vez na romaría Ponte Farruca de Laza. «Sentámonos para tocar e pensamos o que molaría facer un cuarteto integramente formado por mulleres, así que nos animamos a montar algo e a ver que saía», lembra Noa. Entendéronse dende o primeiro momento. Uniron gaita, pandeireta, tambor e bombo cun repertorio de música tradicional galega. «Co que fomos aprendendo cada unha de nós ao longo da nosa vida en distintas zonas, queríamos reivindicalo e construílo dende Laza», conta.
Tocaron no Ponte Farruca, no Serán da Pousa, na Gala da Igualdade de Verín e tamén nas foliadas que se van organizando pola comarca, que cada vez son máis. «Estamos gratamente sorprendidas porque a xente nova está querendo volver a facer este tipo de festas», asegura. Ca súa música a pé de rúa xúntanse veciños de diferentes concellos e bailadores que as acompañan. Noa resalta que son momentos interxeracionais, con nenos pequenos, xente maior e mocidade, moita que regresa de fóra. «Somos unha terra marcada pola emigración, nós mesmas tamén marchamos, pero hai unhas xeracións que non perden o vínculo co seu», defende. A difusión cultural que Kuartetas fai da música galega compaxínase cun forte compromiso: ca música, co rural e co feminismo. O seu nome quixo ser un xogo de palabras para reivindicar que son catro mulleres: «Tradicionalmente sempre son cuartetos, non hai moitos grupos de música galega formados integramente por mulleres». Tres delas son nais e concilian como poden, pero o seu obxectivo é seguir o máis activas posible. Xa están preparadas para o entroido.